O Pleno aproba unha declaración institucional polo Día Mundial da toma de conciencia do abuso e o maltrato na vellez e dá o visto bo definitivo á Ordenanza do Centro para persoas sen fogar de Belvís

Redacción

Na sesión ordinaria do mes de xuño, que arrancou cun minuto de silencio polas últimas vítimas da violencia machista, o Pleno da Corporación deu o visto bo á Ordenanza reguladora do Centro para persoas sen fogar de Belvís, que se aproba de forma definitiva; así como á proposta da Alcaldía para a concesión dos galardóns Alba de Compostela 2026. Tamén aprobou unha declaración institucional con motivo da celebración o 15 de xuño do Día Mundial da toma de conciencia do abuso e o maltrato na vellez.

Neste 2026 cúmprense 20 anos da proclamación do 15 de xuño como Día Mundial da toma de conciencia do abuso e o maltrato na vellez por parte da Organización Mundial da Saúde, unha conmemoración que a Asamblea Xeral de Nacións Unidas faría oficial cinco anos despois, en 2011. O obxectivo da celebración é promover a saúde, o benestar e a dignidade das persoas maiores; e sensibilizar á poboación e previr o maltrato neste grupo de idade. Este ano, a ONU elixiu como lema “Máis alá da sensibilización: lograr unha prevención eficaz do maltrato ás persoas maiores”.

Sumándose a esta iniciativa, o Concello aproba esta DI na que manifesta “a máis absoluta e firme condena a calquera forma de maltrato, discriminación, desatención ou abuso cometido sobre as persoas maiores, tanto no ámbito familiar e persoal como no institucional”, así como o compromiso municipal coa defensa dos dereitos e o benestar das persoas maiores e co impulso de políticas públicas dirixidas a este colectivo, en especial ás persoas maiores en situación de vulnerabilidade.

O texto deixa tamén claro “o respaldo da Corporación municipal á tramitación dunha Lei de Protección Integral contra o Maltrato ás Persoas Maiores que estableza un marco xurídico que garanta a protección efectiva das persoas maiores fronte a calquera forma de maltrato, asegure o pleno exercicio dos seus dereitos, fortaleza os sistemas de detección denuncia e apoio ás vítimas, promova programas de sensibilización e prevención, e fomente a coordinación entre as diferentes administracións para desenvolver políticas eficaces nesta materia”.

Ordenanza reguladora do Centro para persoas sen fogar de Belvís

O Pleno tamén aprobou a Ordenanza reguladora do Centro para persoas sen fogar de Belvís de forma definitiva, tras a aprobación inicial de marzo, cos votos a favor do goberno, PSOE e concelleiras e concelleiro non adscritas e coa abstención do PP. Esta norma prevé que as persoas usuarias permanezan no centro un tempo estimado de entre seis meses e dous anos, se ben este prazo podería ser ampliado se así o considera o equipo técnico co obxectivo de garantir a recuperación integral e a inclusión das persoas sen fogar.

Nese sentido, o centro funcionará cun modelo de “Atención Integral Centrada na Persoa”, un enfoque profesional que se fundamenta nos principios da autodeterminación, a dignidade, a autonomía e o empoderamento da persoa usuaria. Seguindo ese modelo, durante a estadía establécense tres fases de intervención coas persoas usuarias: unha primeira de avaliación inicial na que se identificarán as necesidades concretas da persoa usuaria e se definirán os itinerarios de traballo con ela; unha segunda fase de intervención e acompañamento; e unha terceira fase de inserción e autonomía na que se procurará a transición da persoa cara unha vida autónoma, reducindo a súa dependencia do propio centro. O regulamento define tamén cuestións como a organización do centro, as condicións de acceso, e tamén o réxime de infraccións e sancións do equipamento.

En Santiago son atendidas unha media de 20 persoas diarias en situación de senfogarismo, un total de 400 persoas ao longo de 2025. Compostela non é unha excepción, porque no conxunto de Galicia os datos falan de máis de 2.400 persoas sen fogar e no conxunto do Estado superan as 28.500. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, xa amosara o seu convencemento de que “o Centro de Belvís será un antes e un despois na atención a este colectivo, e Santiago demostrará unha vez máis que é cidade de acollida”.

Alba de Compostela 2026

Tras a acordo adoptado por unanimidade no Consello asesor de Condecoración, hoxe o Pleno aprobou a proposta da Alcaldía para a concesión dos galardóns Alba de Compostela 2026, que recaen en Camilo Nogueira, Susi Gesto, Ricardo Gurriarán e Concha Rozas. Como xa avanzara a alcaldesa en rolda de prensa, “as persoas galardoadas proceden de ámbitos moi diversos e cada unha desde a súa traxectora profesional e persoal, contribúen a facer de Compostela un referente, sendo tamén elas mesmas persoas de relevancia nos seus ámbitos e cunha fonda vinculación con esta cidade e con este concello”.

Camilo Nogueira Román

A de Camilo Nogueira Román (1936) é unha das figuras máis recoñecibles no desenvolvemento do autogoberno galego que acabaría devolvendo a Santiago de Compostela o seu papel de capital de Galicia. Enxeñeiro e economista, nado en Vigo, cursaría estes últimos estudos xa na Universidade de Santiago de Compostela.

Logo de casa unha década na Citroën viguesa como enxeñeiro, onde salienta o seu compromiso democrático co sindicalismo, instalaríase en Santiago de Compostela para traballar en SODIGA, sociedade destinada á promoción e impulso do desenvolvemento industrial e económico de Galicia.

Veciño durante máis de cinco décadas de Santiago de Compostela, na biografía de Nogueira entrecrúzanse os compromisos político e sindical co da defensa e promoción da lingua, cultura e historia de Galicia, sendo un gran coñecedor e divulgador do medievo galego e do papel reitor da cidade de Santiago neste período histórico.

Camilo Nogueira formou parte da comisión redactora do coñecido como Estatuto dos 16, o anteproxecto do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, ademais de ter sido posteriormente deputado no Parlamento de Galicia e no Parlamento Europeo.

Ricardo Gurriarán Rodríguez

Ricardo Gurriarán Rodríguez (1953), é unha autoridade no ámbito da investigación arredor do pasado histórico da Universidade compostelá. Veciño de Santiago de Compostela, foi profesor no IES Arcebispo Xelmírez dende 1977 ata a súa xubilación.

Doutorado en Historia en 2004 pola USC, Gurriarán é unha autoridade no estudo da propia Universidade de Santiago como principal foco de investigación científica na Galicia do século XX, ademais das consecuencias que sobre este centro tivo a ditadura franquista. As súas investigacións inclúen aspectos relacionados con este período, como as depuracións do profesorado e o movemento estudantil e social de 1968.

Gurriarán Rodríguez é unha figura de grande importancia, xa que logo, para o coñecemento dunha das institucións que definen a historia da cidade de Santiago e, tamén, para a recuperación da memoria histórica do pasado recente compostelán.

Tamén destaca o seu papel como biógrafo do seu parente Florencio Delgado Gurriarán, poeta valdeorrés cuxa memoria axudou a recuperar, consagrándose en 2022 cando recibiu a homenaxe no Día das Letras Galegas, así como o seu papel como investigador no proceso de recuperación das estatuas do Mestre Mateo espoliadas.

Concepción Rozas César

Concha Rozas (1936) é un dos rostros máis recoñecidos e estimados do movemento veciñal no barrio da Pontepedriña. Nada en Santiago, chegou a vivir ao barrio tras a expropiación da súa vivenda en San Caetano. Neste barrio popular e desenvolvista converteríase nunha figura recoñecida polo seu impulso ao asociacionismo veciñal, no marco da loita contra a alta sinistralidade na zona.

Durante moitos anos, a de Concha Rozas ten sido unha voz no barrio que recollía as inquedanzas da súa veciñanza e puña rostros ás súas demandas.

Foi fundadora das Avoas de Pontepedriña, unha asociación pioneira no seu tipo en Santiago. Este colectivo desenvolveu ao longo do tempo un importante labor de apoio ás persoas maiores e dinamización do barrio.

Concha Rozas leva ás súas costas moitas décadas de actividade en defensa do barrio, sinalando as necesidades da área observadas e transmitidas por quen vive nela. O seu carácter e iniciativa fixeron dela unha veciña especialmente querida, cuxa vivenda podía ser doadamente identificada pola veciñanza do barrio.

Susana Gesto Beiroa

Susi Gesto (1980) é depositaria, innovadora, transmisora e expoñente contemporáneo do legado artístico da ourivaría compostelá, unha das grandes tradicións da cidade.

Filla do ourive Eloy Gesto, retomou as actividades familiares no seu obradoiro da Algalia de Abaixo, onde dende hai xa máis de tres lustros dá continuidade a un legado artístico familiar relacionado cunha actividade inseparable da historia compostelá.

Gesto basea o seu traballo na ourivería tradicional local, que traballa con materiais coma o acibeche ou a prata, incorporando un espírito contemporáneo e materiais innovadores coma o cobre, que ela define como o seu gran trazo de identidade. No seu obradoiro, as pezas continúan a elaborarse de forma artesanal.

A ourive destaca, ademais de pola súa creación artística, polo labor que leva a cabo como formadora e divulgadora do oficio, colaborando coa transmisión das técnicas artesanais a unha nova xeración.

Outros asuntos

O Pleno tamén aprobou por unanimidade a proposición presentada pola concelleira non adscrita Mercedes Rosón Ferreiro para a planificación integral da mobilidade e dos aparcadoiros na contorna de Salgueiriños; a presentada pola concelleira non adscrita Milagros Castro Sánchez para a mellora e posta en valor dos espazos públicos da contorna de San Roque; así como a formulada pola concelleira non adscrita Marta Álvarez Vázquez para a cobertura efectiva de enfermería no CEE A Barcia para asegurar a atención educativa e sanitaria do alumnado.

Comparte este artigo