O domingo 5 de xullo de 2026 a Carballeira do Peirao de Arcade acollerá a terceira edición do Festival de Danza Contemporánea O Rebulir, unha cita que volverá reunir creación artística, natureza e reflexión arredor da danza.
O Festival de Danza Contemporánea O Rebulir celebrará o vindeiro 5 de xullo a súa terceira edición na Carballeira do Peirao de Arcade, consolidándose como unha das propostas culturais máis singulares do verán en Soutomaior. Nacido en 2024, o festival busca achegar a danza contemporánea a novos públicos e converter o espazo público nun lugar de encontro entre a arte e a cidadanía.
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, destacou que “O Rebulir continúa medrando e reforza a aposta do Concello por ofrecer propostas culturais innovadoras e de calidade, facendo da danza contemporánea unha cita imprescindible dentro da programación cultural de Soutomaior”.
O festival contará nesta edición con tres propostas escénicas e un coloquio final. Ás 19:15 horas presentarase “Estender como se poidera”, de Julia Laport; ás 19:45 horas será a quenda de “Velaiquich Amoorch!”, do Colectivo D’Elas; e ás 20:15 horas poderá verse “Diz-me, meu amor”, de Raquel Ferradás e María de Vicente.
A programación rematará co coloquio “O falar da danza”, de 20:30 a 21:00 horas, un espazo de encontro entre artistas e público para compartir reflexións sobre os procesos creativos e a realidade da danza contemporánea.
Todas as actividades serán gratuítas e desenvolveranse na Carballeira do Peirao de Arcade. Dende o Concello de Soutomaior animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova edición de O Rebulir, unha proposta que continúa apostando pola cultura, a creación contemporánea e a posta en valor dun entorno natural único.

