Sergio Dalma pon hoxe o broche de ouro ao festival Petra Rosa nas canteiras do Porriño

Redacción
  • O recoñecido artista actuará ás 22:00 horas, precedido pola telonera Laura Marino ás 20:30 horas no escenario Novos Sons.
  • O alcalde do Porriño destaca o éxito do evento e a proxección das canteiras como un espazo cultural único.

O Festival Petra Rosa despídese hoxe por todo o alto cunha xornada de clausura que promete ser inesquecible. O escenario único das canteiras do Porriño acollerá esta noite o gran concerto de Sergio Dalma, encargada de pór o broche de ouro a días de intensa actividade musical e cultural na localidade.

Os concertos arrancarán ás 20:30 horas no escenario ‘Novos Sons’ coa actuación de Laura Marino, que exercerá de telonera achegando a súa frescura e talento para quentar os motores do público. O momento máis agardado chegará ás 22:00 horas, cando Sergio Dalma suba ao escenario principal para repasar os seus grandes éxitos e facer vibrar aos  asistentes.

“As canteiras están a demostrarse como un escenario único no mundo para acoller este tipo de eventos” asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, que destaca a entrega do público e tamén dos artistas que teñen pasado por este espacio, embuíndose nun ambiente único.

Con esta última noite de música, o Festival Petra Rosa pecha deixando unha pegada indeleble grazas á perfecta comuñón entre a música en directo e a singular paisaxe da pedra do Porriño.

Dalma ten a tarefa de superar a maxia creada por Pablo López, que chegou a saír do escenario para percorrer o foso interactuando co público na xornada do venres, ou de Antonio Orozco, que se meteu ao público no peto mentres interactuaba con eles nun solpor único entre o granito rosa.

Sergio Dalma

Sergio Dalma é unha das voces máis recoñecibles e queridas do pop en español, cunha sólida traxectoria de máis de 35 anos nos escenarios. O seu gran salto á fama internacional chegou en 1991, ano no que representou a España no Festival de Eurovisión co mítico tema “Bailar pegados”, convertido hoxe nun himno interxeracional. Ao longo da súa carreira, o artista catalán logrou sumar numerosos discos de platino grazas a éxitos propios e a proxectos tan aplaudidos como a súa triloxía de versións italianas Via Dalma.

Lonxe de estancarse, o cantante segue a demostrar unha gran capacidade de reinvención. Co lanzamento de álbums recentes como Alegría ou o seu último traballo de estudio, Sonríe porque estás en la foto, Dalma sae da súa zona de confort para explorar sons máis frescos, rítmicos e oitenteiros. Coa súa inconfundible voz rasgada e unha enerxía renovada, o artista chega hoxe ao Festival Petra Rosa do Porriño no seu mellor momento, garantindo un espectáculo vibrante que mestura a nostalxia dos seus grandes clásicos coa vitalidade do seu repertorio máis actual.

Comparte este artigo