● A música de O Xoán, o transformismo de Marlen Soto e o humor de Hermen & Gildo conquistaron ao público no día grande do Orgullo.
- O vindeiro martes pecharase a programación coa charla de debate e reflexión “Diversidade para todes”.
O Porriño Orgulloso 2026 viviu este domingo a súa xornada central mesturando música, transformismo, humor e visibilidde na praza Antonio Palacios. Cun ambiente festivo, inclusivo e reivindicativo,o municipio volveu demostrar o seu firme compromiso coa diversidade e os dereitos LGTBI+, baixo a bandeira arcoiris que desde o pasado 24 de xuño loce con orgullo na fachada da Casa Consistorial.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo destacar a importancia de manter viva esta celebración porque “ queremos unha sociedade inclusiva, plural e libre”, apuntou, engadindo que “o orgullo non só é festa, é reivindicación e é visibilidade”.
Unha noite de talento, humor e transformación
A velada do domingo arrincou a partir das 20:30 h con tres propostas escénicas de primeiro nivel que combinaron arte, risas e reflexión: Marlen Soto a recoñecida drag queen (alter ego de Oliver Santiago, un mozo de 31 anos con 12 de traxectoria exitosa nos escenarios de Canarias) abriu a noite cun espectáculo vibrante que mesturou humor, transformismo e unha forte carga reivindicativa. Logo foi o turno de Hermen & Gildo, un dúo cómico presentou un monólogo intelixente sobre a igualdade, abordando desde a comedia a diversidade afectivo-sexual e os retos que a sociedade aínda ten por diante.A música estivo a cargo de O Xoán. O artista galego – recente gañador do Premio Mestre Mateo a Mellor Actor polo seu papel de Castelao en Antes de Nós– foi o encargado do peche musical. Presentou en directo o seu novo single de pop electrónico en galego, “Fállame a chola”, un tema performativo e contemporáneo sobre a liberdade de non agocharse, cuxo videoclip conta coa colaboración de seis destacadas drag queens galegas (Moira Lutar, Yasmine Lutar, Syndra, Liteah, La Kristopher e Ashley Ferreira).
A programación continúa o martes
As actividades de O Porriño Orgulloso 2026 non remataron aquí. Aínda queda por diante a xornada do vindeiro martes, na que o Orgullo tomará forma de diálogo coa charla “Diversidade para todes”, unha proposta deseñada como un espazo aberto de reflexión, debate e aprendizaxe sobre identidade, diversidade e dereitos dirixida a toda a cidadanía.

