- Máis de catro días de música, patrimonio industrial e gastronomía converteron o emblemático espazo do granito rosa nun auditorio natural único en Galicia.
- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asegura que é só a primeira pedra dun festival que seguirá crecendo, garantindo unha segunda edición.
O Porriño viviu esta fin de semana un fito cultural sen precedentes coa celebración da primeira edición do Festival Petra Rosa, que tivo lugar entre o xoves 25 e o domingo 28 de xuño. O evento, impulsado polo Concello do Porriño e a promotora Emotional Events co apoio de Concertos do Xacobeo, logrou fundir con éxito a arte sonora coa maxia da paisaxe industrial das icónicas canteiras de granito rosa, transformadas para a ocasión nun impresionante gran auditorio ao aire libre que non deixou indiferente a ninguén.
“Un privilexio”, dixo Pablo López dende o escenario, poder ter a sorte de tocar dende unha canteira, un espazo único do que ademais destacou a luz: eran as dez e media e aínda era de día. “A todos nos gusta que a las diez de la noche sea de día, pero aquí os pasáis”. Meteu ao público no peto cando incluso lles deu a oportunidade de elixir a seguinte canción, cun diálogo constante con eles, e incluso percorrendo, micro en man, o foso ata chegar ás gradas dende onde interpretou un dos seus temas.
A mesma sensación tivo Antonio Orozco: “estamos en el corazón de una montaña”, dixo emocionado ao darse conta de que ese espazo que ocupaba o escenario era gañado á terra. Orozco ademais puido protagonizar un dos momentos máis emocionantes do festival: desvelou, no medio do concerto, o sexo do bebé dunha parella: era un neno!
O broche de ouro desta histórica primeira edición púxoo onte domingo a voz rasgada de Sergio Dalma. O artista catalán logrou poñer en pé a todo o auditorio, pechando a noite ao ritmo do seu mítico tema “Galilea” e deixando un recordo inesquecible entre os asistentes. Entre eles e elas estaba Juaniña, que aos seus 101 anos puido achegarse ao artista, explicarlle o segredo da súa lonxevidade e bailar co alcalde a famosa canción “Bailar pegados”.
“O espazo é único e fai que os artistas se relacionen co público tamén dunha forma única, máis cercana”, explicou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, quen apuntou que esta foi só unha primeira experiencia dun festival que seguirá medrando, garantindo xa unha segunda edición. “O festival irá a máis e converterase nun referente”, engadiu o rexedor. Los tres artistas asinaron ademais sobre unha lámina de granito rosa, que o concello gardará como lembranza deste primeiro festival.
Unha proposta integral que impulsa o territorio
O Petra Rosa Festival tivo espazo tamén para os artistas locais coas actuacións de Iker Faure, Noemí, DJ Samu Pexe, Gaiteiros Penediños e A Forna.
Co peche desta primeira edición cargada de emoción, o Petra Rosa cumpre o seu obxectivo de dinamizar a actividade cultural e turística do municipio, postulándose dende xa como unha cita musical de referencia e con vocación de continuidade no calendario de festivais de Galicia.
Reto técnico
Cabe destacar que a singularidade do recinto supuxo tamén un importante desafío desde o punto de vista técnico. “Transformar durante uns días unha canteira en pleno funcionamento nun recinto preparado para acoller un festival destas características supuxo un importante reto técnico e loxístico. Foi necesario adaptar cada espazo co máximo rigor, integrando escenario, accesos, zonas de público e todos os servizos necesarios sen interferir na actividade da canteira. O resultado demostra que era posible converter esta contorna única nun recinto de primeiro nivel sen perder a súa esencia”, explica Jorge Rodríguez, Director de Produción de Petra Rosa Festival.
Impacto territorial, económico e proxección exterior
A primeira edición de Petra Rosa Festival situou ao Porriño no mapa dos grandes eventos culturais cunha notable proxección nacional, reunindo público procedente das catro provincias galegas, así como de comunidades como Madrid, Cataluña, Andalucía, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón, Asturias, Comunidade Valenciana, A Rioxa, Illas Baleares e Canarias. A eles sumáronse visitantes chegados desde Portugal, Alemaña, Estonia, Estados Unidos, Chile e México.
Esta diversidade de procedencias reforza a capacidade do festival para proxectar a imaxe do Porriño máis alá de Galicia e consolidalo como un punto de referencia cultural con atractivo internacional. Para moitos asistentes, o evento musical supuxo ademais a primeira oportunidade de descubrir o municipio, as súas canteiras de granito rosa e unha paisaxe industrial única que forma parte da súa identidade.
A chegada de visitantes tivo un reflexo directo na actividade de hoteis, aloxamentos turísticos, restaurantes, comercios, transporte e outros servizos locais, reforzando o impacto del festival máis alá do ámbito estritamente cultural.
A isto súmase a xeración de máis de 120 postos de traballo directos e indirectos durante a organización do evento, mobilizando a empresas e profesionais de sectores como a produción técnica, a montaxe, a seguridade, a loxística, o transporte e a restauración.
A combinación de proxección internacional, dinamización económica e creación de emprego confirma que Petra Rosa Festival cumpriu un dos seus principais obxectivos: converterse nun proxecto cultural con retorno tanxible para o Porriño.
Un proxecto impulsado desde O Porriño con vocación de futuro
O Concello do Porriño e a promotora Emotional Events, impulsores de Petra Rosa Festival, contaron coa colaboración de distintas administracións e empresas que acompañaron o seu desenvolvemento desde o inicio.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo Galicia no marco de Concertos do Xacobeo 2027, e a Deputación de Pontevedra respaldaron esta primeira edición, xunto a Vepersa, Terras Gauda, Cervezas Alhambra, Schweppes e Cadena Dial Rías Baixas, cuxa participación contribuíu á posta en marcha dunha iniciativa que entende a cultura como motor de dinamización territorial e espazo de colaboración entre o sector público e o privado.
O CEO de Emotional Events, José Antonio Torrano, destaca o resultado desta primeira edición: “Este proxecto supuxo un reto moi motivador para todo o equipo. Traballamos coa convicción de que este espazo tiña un potencial extraordinario e coa responsabilidade de desenvolver un evento á altura dunha contorna única. Queremos agradecer a confianza depositada polo Concello do Porriño para desenvolver conxuntamente unha iniciativa tan significativa para o municipio e con vocación de continuidade”.
Co balance desta primeira edición xa sobre a mesa, Petra Rosa Festival comeza a mirar ao futuro coa vontade de seguir medrando e consolidarse como unha cita estable do calendario cultural galego, capaz de combinar patrimonio, música e innovación na xestión de espazos singulares e proxectando unha imaxe do municipio aberta ao exterior.

