Casa Charry acolleu a presentación da Guía de periodismo inclusivo. Perspectiva de género interseccional en la construcción de mensajes mediáticos, da xornalista de Santa Cruz Lucía Quiroga. O acto, que estivo centrado na reflexión sobre o papel dos medios na construción de discursos máis inclusivos e con perspectiva de xénero, contou cun coloquio moderado pola autora e no que participou Claudia Morán e Marga Tojo, de Xornalistas Galegas; Montse Montaos, de CCOO; e Pablo Cibeira, concelleiro de comunicación.
Durante a súa intervención, Lucía Quiroga explicou que esta guía -subvencionada polo Instituto das Mulleres- nace como unha ferramenta teórico-práctica para mellorar a comunicación mediática desde unha perspectiva de dereitos humanos, con especial atención á linguaxe, ao uso das fontes e á representación das mulleres nos medios. “Non se trata de sinalar erros constantemente, senón de dar ferramentas útiles para construír narrativas diferentes. Construímos o mundo con palabras, e iso obríganos a pensar como estamos contando as cousas nos medios”, comentou.
No debate, púxose o foco na necesidade de incorporar a perspectiva de xénero de forma estrutural no xornalismo, superando estereotipos, evitando o uso de linguaxe discriminatoria e garantindo a diversidade de fontes. Tamén se destacou a importancia de revisar prácticas habituais nos medios, como o tratamento sensacionalista da violencia machista ou a infrarrepresentación das mulleres como expertas en ámbitos como a política, a economía ou o deporte.
Outro dos eixos do coloquio foi o impacto das novas narrativas dixitais e das redes sociais, que, segundo as participantes, están a favorecer a espectacularización da información e a difusión de desinformación, o que reforza a necesidade dun xornalismo rigoroso, crítico e con perspectiva de dereitos humanos.
Por parte do Goberno municipal, o concelleiro de comunicación, Pablo Cibeira, destacou a brillante traxectoria académica e profesional de Lucía Quiroga. “É un orgullo para o Concello de Oleiros poder dicir que unha muller que se formou no sistema de educación público municipal hoxe sexa unha referente da comunicación e do xornalismo no Estado Español. Un exemplo clarísimo do que é Oleiros, do que é a marca Oleiros e do que significa o modelo político de Alternativa dos Veciños, que contribuíu a educarnos a tantas e tantos nunha serie de valores e principios que nos fan mirar sempre o mundo de forma crítica”, dixo.

