Mos denuncia que o grave accidente desta mañá na N-550 confirma a urxencia das reivindicacións da Comisión de Seguimento desta vía

Redacción

O Concello de Mos lamenta profundamente o grave accidente de tráfico rexistrado na mañá deste luns no quilómetro 152 da N-550, ao seu paso pola parroquia de Louredo, no que dúas persoas resultaron feridas de diversa consideración tras un choque frontal entre un turismo e unha furgoneta.

Como consecuencia da violencia do impacto, o condutor do turismo quedou atrapado no interior do vehículo. Os efectivos do GES de Mos foron os primeiros en chegar ao lugar, xunto á Policía Local de Mos e a Garda Civil, estabilizando ao ferido e iniciando as tarefas de excarceración, ás que posteriormente se incorporaron os bombeiros do Baixo Miño. A vítima foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro. O ocupante da furgoneta saíu do vehículo polo seu propio pé pero tamén precisou asistencia sanitaria. O accidente obrigou a cortar completamente a circulación na N-550 durante preto dunha hora.

Este novo sinistro volve demostrar, da forma máis dramática posible, que as advertencias realizadas desde hai meses polo Concello de Mos e pola Comisión de Seguimento da N-550 estaban plenamente xustificadas. “O sucedido hoxe non é unha casualidade nin un feito illado. É a consecuencia dunha vía que presenta unhas condicións incompatibles coa intensa actividade residencial, comercial e industrial que soporta diariamente”, subliña a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

Entre esas reivindicacións figura a declaración como travesía urbana en varios treitos da N-550, así como outras actuacións destinadas a reducir a velocidade, mellorar a mobilidade e reforzar a protección de peóns e condutores.

Porén, a pesar das reiteradas solicitudes de reunión e dos escritos remitidos pola Comisión de Seguimento da N-550 e polo Concello de Mos, a Subdelegación do Goberno continúa sen ofrecer unha resposta formal ás demandas trasladadas.

O Concello de Mos considera que xa non hai máis marxe para a inacción. “A seguridade das persoas debe estar por riba de calquera trámite administrativo ou demora política. Cada novo accidente evidencia que seguir adiando decisións ten consecuencias e aumenta o risco de que se produzan sinistros aínda máis graves”.

Por este motivo, o Concello reitera o seu apoio á concentración convocada pola Comisión de Seguimento da N-550 para o vindeiro 10 de xullo, diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, co obxectivo de reclamar actuacións inmediatas e esixir que o Estado asuma, dunha vez por todas, a súa responsabilidade sobre esta infraestrutura.

“Mos non pode seguir esperando. A actuación nesta vía é unha necesidade urxente para protexer vidas. Cada día sen actuar é unha oportunidade perdida para evitar que un accidente como o desta mañá volva repetirse”, subliña Nidia Arévalo.

Comparte este artigo