• O corredor da selección de Castela e León subiu ao terceiro banzo do podio na carreira júnior en roteiro disputado en Sabiñánigo
• O valisoletano, actual segundo clasificado na xenerala da Copa de España, está a asinar unha gran tempada
• Lucas Blanco, ciclista da formación mosense, obtivo o mellor resultado do combinado de Galicia
Á terceira foi a vencida para Picusa Academy no Campionato de España de Ciclismo na estrada. O equipo con sede en Mos logrou na súa terceira tempada competindo na categoría Júnior a súa primeira medalla na gran cita do ciclismo estatal. O seu corredor Hugo Muñoz, representando á selección de Castela e León, conquistou a presea de bronce na carreira en roteiro celebrado o venres na localidade oscense de Sabiñánigo.
O escuadro mosense contou neste evento con oito ciclistas convocados polas súas federacións autonómicas. Dous deles, Hugo Muñoz e o galego Lucas Blanco, estiveron presentes na escapada dunha vintena de unidades formada no tramo inicial dos 129,7 quilómetros. Unha vez que o grupo se consolidou na cabeza, Hugo Muñoz distanciouse do resto de fuxidos xunto a Darío Gimeno (Cantabria) e Jose Vega (Andalucía). Á altura deste trío acabaría chegando o gran favorito ao triunfo, Benjamín Noval (Asturias), que saltara desde o pelotón e superado a todos os corredores que exercían de ponte.
O imparable ritmo do asturiano quen máis o aguantou, antes de tamén ceder, foi Darío Gimeno. Por detrás dos dous primeiros, Hugo Muñoz e Jose Vega entendéronse á perfección ata os últimos metros e na subida que conducía a meta o castellanoleonés impúxose ao andaluz para adxudicarse o bronce. A carreira unicamente terminárona dentro do tempo de control 22 ciclistas. O coruñés Lucas Blanco, 19º clasificado no seu primeiro ano na categoría, asinou o mellor resultado de Galicia.
O podio conquistado por Hugo Muñoz en Sabiñánigo dá continuidade á súa gran tempada. No seu segundo ano nas filas de Picusa Academy, está metido de pleno na loita pola xenerala da Copa de España. A falta de dúas carreiras puntuables, ocupa a segunda posición a 1 punto do líder Darío Gimeno. Este sobresaliente rendemento levoulle a debutar coa selección española o pasado mes de marzo na E3 Saxo Classic belga.
O outro resultado salientable da estrutura pontevedresa no Campionato de España correspondeu a Adrián Prieto. O bañense, compañeiro de selección de Hugo Muñoz, marcou o noveno mellor tempo na contrarreloxo individual de 18,6 km que se disputou o xoves, na véspera da proba en roteiro. Nesta modalidade Galicia apostou por aliñar en exclusiva a corredores de Picusa Academy: Rodrigo García clasificouse 21º, Lucas Blanco 24º e Xián Alvariño 31º.

