O Concello de Redondela ten aberto o prazo para que as familias soliciten as axudas municipais de libros e material escolar en Educación Infantil. A subvención está dirixida a familias con nenos e nenas de 3 a 5 anos escolarizados nun centro público de Redondela para o curso 2026/27. As familias beneficiarias recibirán un vale por un importe máximo de 70 euros por cada neno ou nena, que poderán trocar por libros e material escolar nas librarías de Redondela adheridas a esta convocatoria.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que estas subvencións teñen por obxectivo “axudar ás familias que o precisan cos gastos de escolarización dos nenos e nenas nesa etapa da Educación Infantil”. O prazo de solicitude está aberto ata o 31 de xullo. O trámite pode facerse a través da sede electrónica do Concello ou nos rexistros oficiais habilitados.

