- A actividade, de carácter preventivo, forma parte do ‘Plan Mayor Seguridad’ da Garda Civil.
- Terá lugar o vindeiro martes, 1 de xullo, ás 10:30 horas no salón de plenos municipal.
O Concello do Porriño acollerá o vindeiro martes, 7 de xullo, unha charla informativa sobre seguridade viaria dirixida especificamente ás persoas maiores. O encontro desenvolverase ás 10:30 horas no salón de plenos da casa consistorial e estará impartido por un axente especializado da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Mayor Seguridad, unha campaña preventiva impulsada pola Secretaría de Estado de Seguridad do Ministerio do Interior e desenvolvida de forma conxunta pola Garda Civil e a Policía Nacional. O obxectivo xeral deste programa é previr os principais riscos que afectan á seguridade dos maiores, fomentando a súa confianza nas forzas de seguridade e perfeccionando a resposta institucional ante calquera incidente.
Obxectivos principais do plan
Máis alá da seguridade viaria para peóns, o Plan Mayor Seguridad busca protexer de forma integral a este colectivo fronte ás principais ameazas detectadas na actualidade, entre as que destacan:
- Prevención de estafas: Evitar o uso fraudulento de propiedades, fondos, contas e cartillas de aforro por parte de terceiras persoas.
- Seguridade contra roubos e furtos: Protexer os maiores tanto nos seus domicilios como na vía pública, poñendo especial atención ao contorno das entidades financeiras.
- Erradicación do maltrato: Detectar e previr calquera tipo de abuso ou malos tratos nas súas distintas vertentes.
Con esta sesión, o Concello do Porriño e a Garda Civil colaboran de estreita man para ofrecer ferramentas prácticas e consellos clave que garantan o benestar e a tranquilidade dos veciños e veciñas de máis idade do municipio.

