Talco, De Ninghures, 9Louro e Duendeneta encherán de música o Peirao de Arcade o vindeiro 10 de xullo 

Redacción

O vindeiro venres 10 de xullo o Peirao de Arcade acollerá unha nova edición dos Concertos de Verán, unha cita musical de balde que reunirá artistas de referencia do panorama internacional e galego nunha noite pensada para todos os públicos.

Soutomaior. O Concello de Soutomaior continúa coa conta atrás para a celebración dos Concertos de Verán, unha das principais citas da programación estival do municipio. A xornada, de acceso gratuíto, ofrecerá unha noite de música en directo nun espazo privilexiado á beira da ría, consolidándose como unha das propostas culturais máis destacadas do verán.

A programación arrancará ás 20:30 horas coa actuación de Duendeneta, que será a encargada de abrir a xornada e crear ambiente desde primeira hora. Ás 21:30 horas será a quenda de De Ninghures, mentres que ás 23:00 horas chegará ao escenario Talco, cabeza de cartel desta edición. A noite rematará coa actuación de 9Louro, prevista para as 00:30 horas.

O Concello anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao Peirao de Arcade para desfrutar dunha cita pensada para todos os públicos, unha cita interxeneracional na que a música volverá converterse no eixo central dunha noite de convivencia, lecer e dinamización do espazo público.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destaca que “Queremos que o Peirao de Arcade sexa un punto de encontro para a veciñanza e para todas as persoas que nos visiten, nunha noite que combina música, ambiente e un escenario excepcional baixo as premisas da xestión sostible dos residuos, da inclusión, da diversidade e da tolerancia cero antes as conductas sexistas e  violentas”.

Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade, Gonzalo Outeiro, sinala que “animamos a todo o mundo a achegarse desde o inicio da programación para vivir a experiencia completa. O formato da xornada está pensado para desfrutar da música durante toda a noite e seguir facendo dos Concertos de Verán unha referencia na programación estival de Soutomaior”.

Horarios dos Concertos de Verán

  • 20:30 h – Duendeneta
  • 21:30 h – De Ninghures
  • 23:00 h – Talco
  • 00:30 h – 9Louro
Comparte este artigo