Seis medallas, catro títulos galegos, dúas marcas autonómicas e unha representante na elite nacional: o Club Natación Mos firma unha fin de semana sobresaliente

Redacción

Marcos Garabatos arrasa no Campionato Galego Infantil e Eva Martínez compite no Campionato de España Open Trials Astralpool de Mallorca

O Club Natación Mos protagonizou un das fins de semana máis brillantes da tempada ao sumar seis medallas, catro títulos de campión galego, dúas Mellores Marcas Galegas e unha salientable presenza no Campionato de España Open Trials Astralpool 2026, consolidando o excelente momento deportivo que vive a entidade mosense.

A piscina de Ourense foi testemuña da exhibición de Marcos Garabatos (2011), que se converteu no gran nome propio do Campionato Galego Infantil tras asinar un pleno de vitorias nas catro probas nas que tomou a saída. O mozo nadador proclamouse campión galego de 50 metros libre, establecendo ademais unha nova Mellor Marca Galega cun espectacular tempo de 24.61, e volveu escribir o seu nome na historia da natación galega ao bater tamén a Mellor Marca Galega dos 100 metros libre, cun magnífico rexistro de 53.48.

A estas dúas marcas autonómicos engadiu os títulos de campión galego de 50 metros bolboreta e campión galego de 100 metros bolboreta, completando unha actuación impecable que confirma a súa extraordinaria progresión e sitúao entre os grandes referentes da natación galega e nacional en categoría infantil.

O medalleiro do Club Natación Mos completouse coa excelente actuación de Mateo Justo (2012), que se proclamou subcampión galego de 50 metros bolboreta, e con Nahía Fernández (2011), que logrou unha meritoria medalla de bronce nos 200 metros estilos, contribuíndo a un balance de seis metais para a expedición mosense.

Mentres tanto, a máis de mil quilómetros de distancia, o Club Natación Mos tamén estivo representado nunha das competicións máis importantes do calendario nacional. Eva Martínez participou no Campionato de España Open Trials Astralpool Mallorca 2026, despois de converterse na única nadadora do club en conseguir a esixente marca mínima de clasificación para esta cita.

Eva competiu na proba de 50 metros costas, compartindo escenario coas mellores especialistas do país nun campionato que reúne á elite da natación española e que serve ademais como referencia para competicións internacionais. A súa presenza nesta competición supón un importante recoñecemento ao traballo realizado durante toda a tempada e un paso máis no seu crecemento deportivo.

A nadadora estivo acompañada en Mallorca polo adestrador principal do Club Natación Mos, Luis Alberto Pereira “Xouba”, cuxa labor a cargo do equipo continúa sendo fundamental na evolución dos deportistas do club. A súa presenza xunto a Eva nunha competición deste nivel reflicte o compromiso da entidade coa formación e o acompañamento dos seus nadadores nos escenarios de maior esixencia.

Desde o Club Natación Mos faise unha valoración moi positiva dunha fin de semana que confirma o gran nivel competitivo dos seus deportistas e o excelente traballo que se vén desenvolvendo desde hai anos. Os resultados obtidos en Ourense, unidos á presenza no Campionato de España Open Trials, son o reflexo dun proxecto deportivo sólido, baseado no esforzo, a constancia e a ilusión de nadadores, adestradores e familias.

Con actuacións como as de Marcos Garabatos, Mateo Justo, Nahía Fernández e Eva Martínez, o Club Natación Mos continúa levando o nome do municipio todo o máis alto da natación galega e afianzando a súa presenza entre os clubs con maior proxección do panorama nacional.

Comparte este artigo