O concello de Nigrán aproba provisionalmente o PXOM tras case 20 anos de tramitación

Redacción

A corporación celebrou onte ás 20:00 horas un pleno extraordinario con esta única cuestión, aprobada tras un debate de 1´5 horas co voto favorable do goberno, a abstención do PP e o voto en contra do BNG

O documento será trasladado á Xunta para que lle outorgue a aprobación definitiva que marcará a súa entrada en vigor (mentres tanto, non conleva efectos nas tramitacións de expedientes)

O documento ratifica un 30% de vivenda protexida para os novos desenvolvementos urbanos, promove un crecemento sostible que non prima a costa sobre o interior e deixa fora o polémico vial previsto ata 2013 que tronchaba Nigrán desde A Xunqueira a Saiáns

É un día histórico para Nigrán e moi feliz porque ao fin temos o documento urbanístico que tantos anos levaba agardando a veciñanza”, resume González

Aposta polos núcleos rurais para que ninguén teña que marchar dalí por falta de vivenda”, insiste Diego García Moreira, edil de Urbanismo

Nigrán, 02/07/26.- O Concello de Nigrán conta desde onte á noite cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado provisionalmente nun pleno extraordinario ás 20:00 horas cos votos a favor do goberno local, a abstención do PP e o voto en contra do BNG. O documento definitivo está desde hai semanas pendurado na web municipal (apartado ‘enlaces de interese’ en portada de sede electrónica, en https://nigran.sedelectronica.gal/info), físicamente en cada entidade veciñal, e informado a 27 entidades convocadas ao Consello Sectorial do 25 de xuño coa presencia do equipo redactor e do propio alcalde e o concelleiro de Urbanismo. Esta aprobación provisional non conleva efectos nas tramitacións de expedientes ata que se produza a aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia (nese intre será cando o PXOM entrará en vigor, xa que nos municipios de menos de 50.000 habitantes é imprescindible que sexa a Xunta quen dea esa luz verde).

“É un día histórico para Nigrán e moi feliz porque ao fin temos o documento urbanístico que tantos anos levaba agardando a veciñanza. A partir de hoxe mesmo confiamos na máxima celeridade da Xunta para outorgarlle á aprobación definitiva que supón a súa entrada en vigor e o fin das normas subsidiarias que rexen desde 1991”, resume o alcalde, Juan González, facendo referencia a que a administración autonómica ten un prazo de 3 meses para respostar.

O certo é que os trámites administrativos para contratar a redación do PXOM se iniciaron no ano 2007 e a súa aprobación inicial foi no 2013, pasando outros 10 anos para conquerir a totalidade dos 26 informes sectoriais favorables, sendo especialmente traballoso o da Axencia Galega de Infraestruturas ao ter eliminado este goberno municipal o vial que tronchaba Nigrán desde A Xunqueira ata Saiáns ou ter equilibrado a desigualdade urbanística que había entre a costa e o interior, onde se limitaba moito a construción de vivenda e, polo tanto, se condicionaba inxustamente o futuro desa veciñanza fronte a situada a pé de praia. Adicionalmente, desde xaneiro de 2024 e ata inicios deste mes, o traballo técnico consistíu no refundindo de todas as incorreccións detectadas desde a Xunta neste único documento que o goberno local presenta no Pleno.

O documento fora exposto a información pública durante 3 meses no ano 2013, onde se recibiran 1.400 alegacións que recibiron a súa correspondente resposta, e ademais, o goberno local o presentou no 2023 en cada parroquia para detectar posibles incorreccións, resolver dúbidas e recoller suxestións, ademais de dispor en setembro e outubro dese ano dun servizo técnico específico no Concello co mesmo propósito, aceptándose nese periodo 405 suxestións.

“É curioso que o BNG vote en contra co argumento de reclamar unha nova exposición que o retrasaría máis anos e que a estas alturas centre de súpeto as súas críticas na eliminación do vial A Xunqueira-Saiáns que toda a corporación xa rexeitara no 2013 por ser precisamente un clamor veciñal e unha aberración urbanística, aquello foi unha decisión trascendental e inamovible. Non entendemos que o BNG lle preocupe que teñamos eliminado ese vial e que diga que pode condicionar o desenvolvemento dos SAU, nos estamos aquí gobernando para a nosa veciñanza, non pensando nos intereses inmobiliarios que poidan ter as promotoras nos SAUs”, expón o alcalde.

“É unha noticia histórica e marcará un fito para Nigrán; permitirá un desenvolvemento sostible e equilibrado e, adicionalmente, outorgará unha garantía de futuro para os seus residentes ao multiplicarse a nova vivenda protexida e dar máis cancha ao rural, que no documento plantexado no 2010 estaba claramente discriminado en detrimento da costa”, explica González, quen insiste en que chegar a este punto foi posible “grazas á cautela e ao consenso entre as dúas administracións implicadas, Xunta e Concello”. “É un documento que aposta polos núcleos rurais para que ninguén teña que marchar por falta de vivenda”, insiste Diego García Moreira, edil de Urbanismo, en referencia a que desaparece o requerimento de parcela mínima para obrar no rural a cambio de outros aspectos máis razoables, “facilitamos ao veciño de toda a vida que poida construír a súa vida nas súas terras”, resume.

O PXOM destina a espazos libres ou zonas verdes 403.186 m² dos cales 181.384 m2 corresponden a superficie que se prevé obter; a equipamentos destínanse 277.034 m² (44.416 msería novos); non se contemplan novas áreas empresariais e, en canto a vivenda, o máis relevante é que o 30% do que se constrúa en novos chans urbanizables terá que ser destinada a protección oficial (a capacidade residencial será de 5.758 novas vivendas das que se podería derivar unha oferta real de 3.988, cifra que coincidiría coa demanda previsible de cara ao hourizonte 2039)

“Teremos un PXOM fiel ao noso lema ‘Nigrán, equilibrio natural’. Con este documento protexemos o noso patrimonio natural apostando por un crecemento sostible que non discrimina social ou ambientalmente á cidadanía”, resume o alcalde. “Desde 2013 e ata agora o traballo non cesou en absoluto, todo o contrario. Non chegamos a este momento da nada, a importancia do documento e a súa propia seguridade xurídica implican un traballo minucioso”.

Historia de 19 anos de tramitación

A contratación da redacción do PXOM tivo lugar na sesión plenaria do 26 de outubro de 2007 sendo adxudicado á UTE ‘Arnaiz Consultores’ e ‘Tinsa’. En febreiro de 2010 achegaron un documento de Avance do PXOM que foi sometido a información pública durante un prazo de 2 meses, recibíndose múltiples suxerencias e alegacións. Despois de conquerir os informes sectoriais oportunos o 14 de xuño de 2013 aprobouse inicialmente e no mes de setembro dese ano a unanimidade da corporación acordou a suspensión do polémico viario ‘A Xunqueira-Saiáns que tronchaba o municipio, encargándose ao equipo redactor que solventase as incidencias de mobilidade apoiándose na AG-57. Nese mesmo ano expúxose 3 meses a información púbica e se recibiron 1.400 alegacións. Ao ano seguinte, 2014, unha das empresas redactoras entrou en concurso voluntario cedéndolle o contrato a Eptisa, quen a súa vez no ano 2017 manifesta a vontade de cederlle o contrato a Alfonso Botana S.L., quen continuou a redacción ata o día de hoxe. No ano 2023 ao fin se conquire a declaración de ‘ambientalmente viable’ por parte da Consellería de Medio Ambiente. A partir de aí emitiron informes o arquitecto municipal, o técnico de administración xeral, a enxeñeira municipal e a interventora, realizando todos eles suxestións. Así, a última versión do documento, que incorpora as correcións e melloras indicadas, entrou por rexistro o 17 de xuño e é o documento que esta noite se aprobou provisionalmente.

Mentras tanto, no ano 2019 o goberno local realizou a modificación número 25 das normas subsidiarias que rexen en Nigrán para axilizar a tramitación urbanística á veciñanza (abríu un novo horizonte a moitos propietarios de vivendas anteriores a 1975 e consecuentemente sen licencia de ocupación).

Comparte este artigo