Baiona acolle os Campionatos Galegos de Bádminton Sub 11 e Sub 19

Redacción

Esta próxima fin de semana a vila de Baiona volverá desfrutar do mellor bádminton autonómico e nacional Sub 11 e Sub 19 dado que na cita estarán presentes todas as raquetas galegas recentemente seleccionadas para participar no próximo Campionato de Europa Junior que terá lugar na localidade húngara de Tatabánya.

Ata terras do Val Miñor desprazaranse un total de 93 raquetas entre as que destacan xogadores e xogadoras como Raúl Bergua, Adrián Rodríguez, Sara do Castillo, Itziar Barcala, Xoel Álvarez ou Inés Poncela, que serán os máximos favoritos aos títulos na categoría Sub 19 (Júnior). Tamén xogadores como o vigués do Rosalía, Nicolás Dávila ou o coruñés Samuel Luaces e as novas promesas Maia Freire e Xulia Otero intentarán pelexar polo título autonómico.
Polo que respecta á categoría Sub 11 prevese unha competición en grao sumo igualada na que a priori os vigueses do Club Escola Rosalía Eidan Durán, Jorge Guimarey e Xoán Trillo parten como favoritos xunto co portugués con licenza galega Rafael Vieira. Mentres que no apartado feminino, Elisa Salomón, preséntase como a gran favorita.

A competición desenvolverase nas 5 modalidades de individual masculino, individual feminino, dobres masculino, dobres feminino e dobres mixtos, sendo cada partido ao mellor de tres xogos de 21 puntos. O Pavillón Municipal de Baiona será o escenario de toda a competición en horario ininterrompido de 9.00 a 20.00 horas coa posterior entrega de premios aos campións autonómicos e ás campioas autonómicas.

A proba está organizada pola Federación Galega de Bádminton e o Club Escola Rosalía e conta co apoio principal do Concello de Baiona así como da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

Comparte este artigo