- O recoñecido antropólogo galego guiará ao público nun roteiro único ata o emblemático Carballo de Martiz, dentro da programación do Festival Atlántica
O Concello de Pazos de Borbén volverá converterse este sábado, 4 de xullo, nun punto de encontro para a cultura, a tradición e o patrimonio da man do recoñecido antropólogo Rafa Quintía.
Esta actividade está incluída na XIV edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL “ATLÁNTICA” que se celebra neste ano 2026 e no que o Concello de Pazos de Borbén participa por oitavo ano consecutivo.
A actividade dará comezo ás 20:00 horas desde o Torreiro de Amoedo, punto de encontro para todas as persoas participantes. Un percorrido de aproximadamente 1,2 quilómetros levaranos a un espazo natural marabilloso como é o Carballo de Martiz na Senda Arqueolóxica de Amoedo. Convidamos a toda a veciñanza a asistir a esta actividade de balde dirixida ao público adulto.
“NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS” o antropólogo Rafa Quintía convídanos a descubrir o fascinante mundo dos amuletos galegos nunha sesión moi especial onde se mesturan maxia, menciña popular e narración oral. Esta conferencia que fala do mundo dos amuletos na cultura popular galega, non é unha charla ao uso: é unha viaxe chea de contos, lendas e saber tradicional.
Unha sesión onde cada historia nos conecta co coñecemento ancestral herdado dos nosos devanceiros. Rafa ten o don de facer que escoitar sexa lembrar: rescata o que fomos e fainos rebuscar nas nosas memorias, cun estilo ameno, próximo e apaixonado.
Rafa Quintía é unha das voces máis singulares da antropoloxía galega contemporánea. Cunha mirada lúcida e fondamente comprometida coa cultura do país, leva anos explorando e narrando o imaxinario galego dende múltiples frontes: a investigación, a divulgación, a docencia e a creación audiovisual.
O ano pasado deixou pegada en Santo André de Teixido, nun encontro que foi un auténtico éxito e onde o público quedou atrapado entre historias de mortos, romarías, crenzas e camiños antigos. Por iso regresa este ano ao Festival Atlántica, desta volta baixo un carballo cheo de historias, nun deses lugares onde semella que a memoria segue falando baixiño entre as follas.
Para poñer fin á xornada poderemos visitar diversos petróglifos alí próximos. Remataremos de escoitar a Rafa á noitiña, unha hora óptima para observar os gravados rupestres pois a luz lateral proxecta sombras que facilita a súa visión.
As persoas que desexen asistir dispoñen dun aparcadoiro xeral no Torreiro de Amoedo (P1) e un espazo específico (P2) con prazas limitadas para persoas con mobilidade reducida que non poidan realizar a andaina de 20 min que nos levará ata o Caraballo de Martiz.
Achegarse ao Festival Atlántica é unha oportunidade única para escoitar como a tradición cobra nova vida cando se conta dende o respecto, a paixón e o coñecemento profundo.

