Salceda celebra os 25 anos do CRA Raíña Aragonta

Redacción

Contou coa participación de familias, persoal docente e autoridades.

Inchables e actuacións musicais amenizaron o evento

O CRA Raíña Aragonta de Salceda de Caselas cumpriu 25 anos desde a súa constitución. Nun acto aberto ao público e no propio patio do colexio polo que durante anos corretearon miles de persoas do municipio, celebrouse a conmemoración do seu vinte e cinco aniversario. Ata alí achegáronse numerosas familias, alumnado, profesorado e persoal de servizos que durante estes 25 anos de historia formaron parte do centro, ademais das direccións do IES Pedras Rubias e o CEP Altamira, e representación da E.I. A Galiña Azul.

Durante a xornada, organizada polo actual equipo docente, interveu o actual director, Damián Varela Sánchez, o cal agradeceu tanto ao Concello de Salceda de Caselas coma a Xunta de Galicia todo o apoio que recibe o centro das devanditas institucións. Concluíu a súa intervención con desexos para o futuro: “Unha escola debe ser tamén un espazo de convivencia, de participación, de cultura e de encontro para toda a comunidade. Hoxe celebramos unha historia de vinte e cinco anos, pero tamén celebramos un futuro cheo de posibilidades. Un futuro que seguiremos construíndo entre todos e todas, coa mesma ilusión, co mesmo compromiso e coa mesma vocación de servizo público que inspirou ou nacemento deste centro.”

A nota musical correu a cargo do alumnado da Escola de Música de Salceda,  con dúas actuacións: Lara Pérez Besada e Sabela Gándara Iglesias, exalumnas tamén do CRA Raíña Aragonta interpretaron un dúo de frauta traveseira. Pola súa banda, os alumnos de percusión, Lois, Iago, Antía, Hugo, Ezequiel e Adrián fixeron unha asombrosa actuación tocando tambores elaborados con bidóns reciclados acompañado de batería.

O evento contou tamén coa intervención de César Pérez Ares, director territorial de Educación e Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda. A rexedora local fixo balance destes 25 anos e agradecéulles ao profesorado e ás familias “por transmitir ese cariño e orgullo do rural no que vivimos e que debemos respectar  dende a idade máis temperá, o coidado da nosa lingua, o ensino a través do traballo en equipo e en igualdade, o respecto e a  diversidade, pois todo elo forma parte deste gran traballo educativo coa cativada”.

Pola súa banda, o director territorial lembrou que, a pesar da baixada de natalidade que sofre a provincia, o CRA manterá o próximo curso as actuais seis aulas coas que conta nas parroquias do concello.

Durante o acto tamén se expuxeron fotografías antigas e ao termino da parte institucional desvelouse unha placa conmemorativa do aniversario e unha composición en recordo a todo o alumnado e profesorado que formou parte do centro ao longo destes 25 anos.

Comparte este artigo