O investimento é de 157.600 € con cargo ao Plan + Provincia, beneficiando a 17 familias que viven nesta rúa situada no núcleo de San Roque de Camos
O Concello de Nigrán vén de iniciar as obras na rúa Carballeira (Camos) por importe de 157.600 € con cargo á liña 1 do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra para ampliala e dotala de saneamento, rede separativa de pluviais, e liña de baixa tensión soterrada, tal e como demandaba a veciñanza desta zona situada no núcleo de San Roque. Os traballos, adxudicados a Narom S.L e que estarán rematados durante o verán, beneficiarán a preto dunha vintena de familias e consisten fundamentalmente na instalación dunha rede de saneamento a través dun colector que discorre ata a última vivenda situada no punto máis baixo do camiño, neste mesmo lugar executarase un pozo de bombeo coa súa correspondente impulsión, que conducirá as augas residuais ata a rede de saneamento en servizo situada na beiravía da estrada EP-2102 (Nigrán – Vincios), de titularidade provincial. Por outra banda, neste mesmo ámbito inclúese a instalación da canalización da futura rede subterránea de baixa tensión, así como o ensanche ata 5 metros e mellora do camiño coa execución de muros de contención con mampostería grande e o estendido dun pavimento de formigón con acabado final raiado.
“Tras a negativa da Comunidade de Montes de Camos de cumprir cos requerimentos de cesión dos terreos da Deputación de Pontevedra para que o Concello puidese realizar un campo de fútbol nos seus terreos, decidimos que eses cartos revertisen na devandita parroquia e, en concreto, neste camiño que demandaba desade hai tempo a veciñanza e que é especialmente custoso”, explica o alcalde, Juan González, quen considera “de primeira necesidade” levar o saneamento e o abastecemento a todos os rincóns do municipio ao marxe de que este vial se atopaba en pésimas condicións e a estreitez dificultaba moito o tránsito.

