O Concello de Redondela continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias do municipio cun investimento próximo aos 400.000 euros para a renovación integral da Subida a Trasmañó e da Estrada da Autopista, unha actuación moi demandada pola veciñanza e fundamental para mellorar a seguridade e a mobilidade nesta zona do municipio.
O proxecto divídese en dúas fases. A primeira, financiada con cargo ao remanente municipal, conta cun investimento de 137.898,39 euros e xa se atopa en proceso de licitación, permanecendo aberto o prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 13 de xullo.
A segunda fase, cun investimento aproximado de 264.000 euros, será financiada a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. Na actualidade está pendente da concesión definitiva da subvención e da autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia, último trámite necesario para proceder á súa licitación.
En conxunto, ambas actuacións permitirán renovar preto de 1,4 quilómetros de vial, actuando sobre unha superficie de máis de 8.800 metros cadrados. Os traballos inclúen a pavimentación con aglomerado asfáltico en quente, a mellora integral da drenaxe mediante novas cunetas, entubados para evitar acumulacións de auga, o ensanche da plataforma nos puntos onde é posible e a construción de muros de mampostería para reforzar a estabilidade da estrada.
Ademais, substituiranse e ampliaranse as biondas de protección, instalaranse reductores de velocidade coa correspondente sinalización, adecuarase o cruzamento co Camiño de Santiago mediante pavimento de adoquín de granito, renovaranse as marcas viarias, repoñeranse tapas de rexistro e executaranse diferentes actuacións de conservación e limpeza de cunetas e noiros.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que “estamos a falar dunha actuación estratéxica para Trasmañó e para toda esta contorna. É unha estrada moi utilizada cada día por centos de veciños e veciñas e que necesitaba unha intervención integral. Con este investimento de preto de 400.000 euros damos resposta a unha demanda histórica, mellorando a seguridade, a mobilidade e a calidade dunha infraestrutura esencial para comunicar Trasmañó, Cabanas e outras parroquias próximas”.
Rivas engadiu que “seguimos demostrando que este Goberno municipal transforma as demandas da veciñanza en proxectos e investimentos reais, priorizando aquelas actuacións que melloran o día a día das persoas e que contribúen a un concello máis seguro e mellor comunicado”.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, subliñou que “o proxecto non consiste unicamente en botar un novo firme, senón que supón unha renovación integral da estrada, solucionando problemas históricos de drenaxe, reforzando a seguridade viaria e actuando sobre todos aqueles elementos que permitirán prolongar a vida útil desta infraestrutura durante moitos anos”.

