A Asociación de Vecinos A Cela de Baredo organiza de forma gratuíta dous espectáculos de teatro no centro cultural da parroquia.
O primeo deles terá lugar o vindeiro sábado 18 de xullo ao 22.30 h.
Trátase dunha comedia neurótico festiva que aborda o tema da saúde mental. Iso si, con minúsculas. Os protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Algunhas delas intentan escondelas mentres exhiben outras orgullosos. Ás veces toléranas, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas.
Neura non é unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor. Unha historia que terminou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos “ ex”. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que nos comportamos coma se fosen perfectos descoñecidos.
Os azares da vida fan que se volvan a atopar en distintas circunstancias. Obrigados unha vez máis a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras.
Terá unha 1hry15minutos de duración e está recomendada para maiores de 12 anos.
A outra cita será o 25 de xullo tamén ás 22:30h. Nesta ocasión as persoas que se despracen ata o Centro Cultural A Cela de Baredo poderán desfrutar de “E a vostede que lle sucede?”, unha comedia sobre un grupo de pacientes na sala de espera dun psicólogo, repleta de situacións hilarantes e peculiares.
Baixo a dirección de Alejandra Abreu e coa asistencia de dirección de Loly Feal, esta comedia invita o público a mergullarse na hilarante experiencia dun grupo de pacientes con trastorno obsesivo-compulsivo (TOC) que coinciden na sala de espera dun afamado psicólogo. Con todo, o médico atrásase, o que dá lugar a unha serie de situacións tan divertidas como inesperadas.
A obra promete momentos de humor e reflexión, onde as peculiaridades de cada personaxe xeran un bulebule de risos no público. Helios Teatro, coñecido polas súas montaxes dinámicas e cargadas de enerxía, aposta por unha historia que pon o foco nas relacións humanas, a convivencia e as emocións, todo baixo un prisma cómico.
Ambas as actividades están financiadas a través de Culturea, o programa cultural da Deputación de Pontevedra que pon ao dispor das asociacións e entidades locais menores da provincia a posibilidade de financiar distintos tipos de actividades ao longo de todo o ano.

