O alcalde de Nigrán acude á presentación da maqueta naval de Jesús Iglesias

Redacción

O usuario de 84 anos do Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas agasalla ao centro de menores ‘Hogar San José-Casa Caridad’ cunha répica da ‘Santísima Trinidad’ para que poidan recadar cartos mediante un sorteo

A venda das rifas servirá para que os 30 menores tutelados e os 12 do Centro de Día poidan realizar unha excursión en barco

O alcalde de Nigrán, Juan González, acudíu xunto á edil de Maiores María Mayán á ‘Fundación Casa-Caridad Hogar San José’ de Vigo para ver in-situ á derradeira maqueta naval feita por Jesús Iglesias Fernández, usuario do Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas ubicado no recinto do CEE de Panxón. ‘Suso’, de 84 anos e veciño de Panxón, decidíu doar a esta entidade benéfica unha réplica do navío ‘Santísima Trinidad’ para que a institución o sortee mediante rifas e que os seus menores internos poidan realizar unha excursión marítima cos cartos recadados. Os 1.000 boletos venderanse a 1’50 euros cada un e o gañador será aquel cuxo número coincida co ‘Sorteo del Niño’ do 6 de xaneiro de 2027.

“Esta é a miña maqueta número 21 e representa ao barco máis importante da Armada Española. Eu o que quería era doalo a algunha entidade que traballase con menores para que revertise nalgunha actividade de ocio para eles”, explica Suso. Así, a institución elixida, situado ao carón de Berbés (Vigo), ten a tutela de 20 menores de toda Galicia de entre 2 e 18 anos que viven ali internos e, a maiores, no centro de día atenden a unha ducia.

“Estamos moi orgullosos de que veciños como Suso realicen este acto tan xeneroso e, ao mesmo tempo, que desde o noso Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas se acompañe e anime aos usuarios a cumprir cos seus propósitos porque, sen dúbida, é algo que contribúe enormemente ao seu benestar freando o avance da enfermidade”, considera o alcalde, Juan González.

Terminado en 1769 nun estaleiro da Habana, Cuba, este buque de guerra foi o máis poderoso do seu tempo, participando en batallas como a de Xibraltar e Trafalgar. Suso o reconstrúe nesta réplica de algo menos dun metro de longo na que non falta o mínimo detalle, como os seus numerosos canóns. Para facelo botou preto de seis meses e, fiel ao seu estilo, empregou material de refugallo como papeis dun almanaque para as velas, madeira das caixas de froita ou o pau dunha basoira.

Suso agasallou anteriormente ao Concello de Nigrán con dúas maquetas e realizou unha exposición o ano pasado no Salón de Plenos con 17 das súas réplicas. Esta actividade que iniciou aos 17 anos e que retomou desde a súa xubilación o mantén activo física e mentalmente e, en certa forma, o sigue mantendo vinculado ao mar, no que desenvolveu toda a súa vida laboral desde os 11 anos. Así, Suso seguíu practicamente á forza o camiño dos seu pai e os seus outros 9 irmáns, non había elección, eran tempos de fame e non tiña nin para calzarse, asi que, admite, el odiaba o mar. Aos 23 anos sacou o título de Oficial e Mecánico Maior Naval, o que lle permitíu traballar como xefe de máquinas por todo o mundo, sobrevivindo a sendos naufraxios en Namibia e en Azores.  

Comparte este artigo