A cidade de Ourense celebra o centenario do Camiño de Nós co descubrimento dun fito de pedra preto da Ponte Nova

Redacción

O alcalde participou no acto, organizado pola Fundación Insua dos Poetas coa colaboración do Concello, a Deputación, a Xunta e as fundacións Otero Pedrayo e Vicente Risco

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, participou esta mañá no acto de celebración do centenario do Camiño de Nós, organizado pola Fundación Insua dos Poetas coa colaboración do Concello, a Deputación Provincial de Ourense, a Xunta de Galicia e as fundacións Otero Pedrayo e Vicente Risco. O evento enmárcase no Ano Oteriano, declarado polo Parlamento de Galicia durante todo o 2026.

O acto consistiu no descubrimento dun fito de pedra na confluencia das rúas Curros Enríquez e José Ángel Valente, na marxe esquerda da entrada á Ponte Nova, no lugar de onde partiron os peregrinos que iniciaron o Camiño de Nós o día 8 de xullo de 1926, hai hoxe exactamente cen anos.

Fixeron esta peregrinación Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Xabier Pardo, Alfonso Vázquez Monxardín, Lois Feixoo e Antón Sánchez seguindo o camiño medieval dos Arrieiros recollido na súa cartografía polo xeógrafo Domingo Fontán. Pasaron polos concellos de Ourense, Amoeiro, Maside, O Carballiño, O Irixo, Lalín, Silleda, A Estrada, Vedra, Teo e Santiago de Compostela.

No acto interviñeron o alcalde, o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Rosar, o representante da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández, e delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo

Gonzalo Jácome felicitou a iniciativa, pero aproveitou a súa intervención para lamentar a “salvaxe discriminación de Ourense”. Apoiouse en datos demográficos “estremecedores” que reflicten que, nos últimos 30 anos, mentres España gañou un 25% de habitantes e Galicia se mantivo en cero, a provincia de Ourense perdeu máis dun 20%. Jácome asegurou que “Ourense é a cincenta de Galicia e de España, e estou convencido de que a Xeración Nós, ademais da súa loita polo galego e por Galicia, tamén incluiría a loita pola non discriminación da provincia de Ourense”

Comparte este artigo