O alcalde dá a benvida á cidade aos 14 nenos e nenas saharauís que participan no programa ‘Vacacións en Paz’

Redacción

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a concelleira Tamara Silva e o concelleiro Armando Ojea recibiron esta mañá os 14 nenos e nenas saharauís que desfrutan este verán dunha estadía na cidade acollidos por familias ourensás, no marco do programa Vacacións en Paz, coa colaboración do Concello.

Na recepción, o rexedor deulles a benvida a Ourense e desexoulles unha feliz estadía durante estas semanas: “É unha marabilla vervos aquí ano tras ano. Os veráns de Ourense enriquécense con xente coma vós”, asegurou.

A visita contou coa presenza de América López, representante da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) —entidade organizadora do programa—, e das propias familias acolledoras. López agradeceu a colaboración do Concello nesta actividade e animou as familias a seguir acollendo nenos e nenas: “supón moitísimo para eles vir aquí durante estes dous meses”, xa que lles proporciona beneficios como a mellora da súa alimentación ou a realización de recoñecementos médicos, entre outros.

Os rapaces proceden dos campamentos de refuxiados saharauís de Tinduf, unha zona desértica no suroeste de Arxelia. O programa facilitalles unha estadía de verán lonxe das temperaturas extremas características de Tinduf, unha das zonas máis inhóspitas do deserto do Sáhara, onde con frecuencia se superan os 50 graos nesta época do ano.

Entre os menores participantes atópanse catro nenos e nenas que realizan a súa primeira estadía en Ourense, e outros que repiten experiencia, incluída unha nena que cumpre o seu último ano e que pecha así a súa participación en Vacacións en Paz. O grupo permanecerá en Ourense ata comezos do mes de setembro.

Comparte este artigo