A mostra fai fincapé en varios paneis nos proxectos de colaboración internacional relativos á auga que financia Nigrán en Cabo Verde e Mozambique
O Concello de Nigrán ofrece ata o 9 de agosto no Centro Comercial A Ramallosa a exposición do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ‘Fontes de solidariedade. Auga que flúe de Galicia a África’. A mostra, financiada polo Concello da Coruña e que percorre as administracións locais, pon en valor a cooperación internacional impulsada polas deputacións e municipios na África lusófona, con especial fincapé en Nigrán en diferentes paneis ao ser o municipio galego que máis proxectos de cooperación internacional deste tipo ten financiados.
A mostra céntranse no Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6 e recolle as intervencións que permitiron dotar de auga potable as aldeas de Guinea-Bissau, fomentar a agricultura en Cabo Verde ou previr os ataques dos crocodilos en Mozambique. Sempre tendo en conta o enfoque de xénero e a plusvalía da cooperación técnica. Cun innovador e colorido deseño, a información gráfica e textual compleméntase con debuxos elaborados polo alumnado da escola construída na illa guineana de Pecixe.
O alcalde de Nigrán, Juan González, preside desde o ano 2015 o Fondo Galego e puido visitar in-situ estas localizacións para supervisar os proxectos financiados desde esta entidade supramunicipal. Adicionalmente, o Concello de Nigrán achegou 20.000 € para reactivar áreas de cultivo en Cabo Verde, nas zonas de Ribeira da Prata e Fontao (municipio de Tarrafal), a fin de reducir a inseguridade alimentaria e proporcionar alternativas económicas a 24 familias, a maioría encabezadas por mulleres. Nesta área, a seca constitúe un dos principais desafíos, por iso estase a instalar un sistema de microirrigación que aproveite a auga subterránea. “Compre destacar que o Concello de Nigrán está moi preto de conquerir o compromiso marcado por lei de que as administracións adiquen antes do ano 2030 o 0,7% do seu orzamento a cooperación internacional, dispondo dunha partida orzamentaria concreta de 30.000 €”, subliña González. Estos proxectos contaron coa supervisión de Carla Pérez, ex-xefa da brigada forestal municipal de Nigrán, quen participou no programa do Fondo Galego ‘Especialistas en Cooperar’ empregando as súas vacacións para identificar no lugar as necesidades e potencialidades da zona como punto de partida para unha colaboración a catro anos que xa está en marcha.
Por outra banda, no municipio mozambicano de Nhamayábue o Concello de Nigrán achegou 11.000 € para permitir o bombeo da auga desde o Zambeze e crear un empalizado que afaste os crocodilos, xa que máis de 22 persoas morreron por ataques deste reptil durante o último ano.

