O Festival Orballo Cultural trae a Baiona a Baiuca e a Maricarme

Redacción

Esta mañá o Monumento Encontro Entre Dous Mundos de Baiona acolleu a presentación do festival Orballo Cultural que terá lugar o 21 de agosto ás 22.00 horas no parque da Palma.

No acto participaron o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e e Luis Diz Rodríguez, director de Amorinfes SL, empresa organizadora.

Orballo Cultural trae a Baiona a Baiuca e a Maricarme:

O grupo protagonista da noite, Baiuca, é un dos proxectos máis innovadores e recoñecidos da música galega actual, levando a tradición os novos horizontes a través da música electrónica. Da man de Alejandro Guillán, fusiona sons populares, cantigas e instrumentos tradicionais cunha produción contemporánea que conquistou festivais de todo o mundo. A súa proposta crea unha experiencia sonora e audiovisual única, converténdose nun referente da nova música de raíz galega e proxectando a cultura de Galicia a nivel internacional.

Desde Santiago poderase desfrutar de Maricarme, un trío de Santiago de folk galego que bebe da música tradicional para ofrecer unha proposta fresca, coidada e chea de identidade. Coa voz, a percusión e os instrumentos tradicionais como protagonistas, o grupo achega un directo próximo e emocionante no que a tradición se mantén viva, conectando o patrimonio musical galego co público de hoxe.

Orballo Cultural é un ciclo de concertos itinerante que percorre diferentes puntos da xeografía galega cunha proposta que combina música, gastronomía, pintura e artesanía para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial de Galicia. Co apoio de Concertos do Xacobeo, entre maio e setembro de 2026, Orballo Cultural programará en 10 localidades un total de 18 artistas galegos de estilos e xéneros variados.

Comparte este artigo