– A programación dos Roteiros Ambientais e Culturais inclúe dúas saídas o sábado 11 de xullo e unha o domingo 12 de xullo. As actividades buscan concienciar sobre a importancia ecolóxica do río Pexegueiro, o litoral de Cesantes e o legado megálitico do Monte Penide. As actividades son gratuítas, con prazas limitadas e inscrición previa .
O Concello de Redondela ofrece este verán unha ampla programación de Roteiros Ambientais e Culturais organizados polas concellerías de Turismoe de Infraestruturas e Sostibilidade. Esta fin de semana organízanse tres saídas que combinan sendeirismo fluvial, divulgación costeira e un itinerario pola prehistoria. As rutas estarán guiadas polos expertos de Faia Educación Ambiental.
- Ruta ambiental “A ribeira do río Pexegueiro”
- Data e hora: Sábado, 11 de xullo, de 10:00 h a 13:00 h.
- Lugar de encontro: Piscinas municipais (Lonxitude: 4 km | Dificultade: Fácil).
- Valor natural: Este itinerario destaca a importancia do bosque de ribeira como corredor biolóxico esencial. Os participantes aprenderán a identificar a flora e fauna autóctona, como os odonatos (libélulas), cuxa presenza indica a boa saúde e pureza das augas do río.
- Paseo nocturno “A Punta de Cesantes”
- Data e hora: Sábado, 11 de xullo, de 21:00 h a 23:15 h.
- Lugar de encontro: Praia da Punta (Lonxitude: 2 km).
- Valor natural: Unha andaina polo litoral integrada no espazo protexido da Rede Natura 2000. O obxectivo é descubrir a riqueza biolóxica da zona intermareal e concienciar sobre a fraxilidade destes ecosistemas costeiros ante o impacto humano.
- Ruta “A prehistoria e o ambiente do Monte Penide”
- Data e hora: Domingo, 12 de xullo, de 10:00 h a 13:00 h.
- Lugar de encontro: Mámoa do Rei (Lonxitude: 6,5 km).
- Valor patrimonio: Este percorrido amosa a simbiose entre a paisaxe forestal e un dos conxuntos megalíticos máis importantes do sur de Galicia. A ruta axuda a comprender como as comunidades prehistóricas interactuaban co seu medio natural.
Reservas e inscricións
Tódolos roteiros son de carácter gratuíto, pero contan con prazas limitadas para garantir o coidado dos espazos naturais e a calidade das explicacións. As persoas interesadas en asistir deben realizar a súa reserva previa a través das canles de Turismo de Redondela, na oficina da rúa Isidoro Queimaliños, no correo electrónico turismo@redondela.gal ou no teléfono 986 401 713.

