Monte Lourido (Nigrán) acollerá este venres unha serán única con entrada gratuíta para todos os asistentes
Este venres a partir das 17.00 horas, o recinto de ONDAS Festival, en Monte Lourido (Nigrán), abrirá as súas portas para vivir unha xornada especial que servirá como gran apertura do festival. Unha tarde chea de cultura urbana, música e deporte con actividades para todos os públicos.
Durante a xornada, os asistentes poderán desfrutar de 11 casetas de roupa e moda urbana, unha rampla de skate con exhibicións en directo e a presenza de 7 DJs que poñerán música durante toda a tarde e a noite, creando un ambiente único antes da gran cita do sábado.
O momento máis esperado chegará ás 21.00 horas, cando a pantalla xigante do escenario principal retransmita o partido de cuartos de final entre España e Bélxica, convertendo o recinto de ONDAS nun gran punto de encontro para vivir o partido xunto a centos de persoas e desfrutar dunha experiencia diferente.
A xornada do venres será totalmente gratuíta, unha aposta de ONDAS Festival para reunir o público desde o primeiro día e ofrecer unha programación que vai moito máis alá da música.
Ademais, esta cita será o aperitivo perfecto para o gran día do sábado, cando ONDAS Festival acollerá 10 concertos dalgúns dos artistas máis salientables da escena urbana, consolidándose como unha nova referencia cultural e musical en Galicia.
Desde a organización animan a todo o mundo a se achegaren este venres a Monte Lourido para desfrutar dunha serán chea de actividades, música, deporte e o mellor ambiente, con servizo de barras e unha programación pensada para vivir o festival desde o primeiro minuto.

