O Concello de Mos e a UD Mos colaboran co RC Celta e o Celta Academy na organización desta iniciativa de formación e promoción do fútbol feminino. As inscricións xa están abertas
O Campo Municipal das Baloutas será a sede, do 20 ao 24 de xullo de 2026, dunha nova edición do Campus As Celtas by Cabreiroá, organizado polo RC Celta e a Celta Academy en colaboración co Concello de Mos e a UD Mos.
O campus está dirixido a nenas de entre 7 e 16 anos e desenvolverase de luns a venres, en horario de 9.45 a 13.45 horas, con recepción das participantes entre as 9.30 e as 9.40 horas e recollida entre as 13.50 e as 14.00 horas.
Durante cinco xornadas, as asistentes adestrarán seguindo a metodoloxía oficial do RC Celta, participando en sesións adaptadas ás diferentes idades e niveis. Ademais, o campus contará cun grupo específico de adestramento para porteiras e inclúe equipamento deportivo (camiseta, pantalón e calcetíns), merenda diaria, así como unha cerimonia de clausura con entrega de diplomas e sorteo de agasallos.
Esta iniciativa forma parte do proxecto deportivo de As Celtas, co que o RC Celta continúa impulsando o fútbol feminino de base. A través deste e doutros campus que organiza en diferentes localidades, o club busca descubrir novas xogadoras con proxección e darlles a oportunidade de achegarse á metodoloxía de traballo da entidade, coa vista posta nunha posible incorporación á estrutura de As Celtas.
O Concello de Mos continúa apostando pola celebración de eventos deportivos de primeiro nivel que fomentan a práctica do deporte entre a mocidade e consolidan o municipio como referente na acollida de actividades formativas vinculadas ao fútbol base.
As inscricións xa están abertas e poden realizarse exclusivamente de forma online a través da páxina web do RC Celta. As xogadoras con Carné Celtista e as federadas na UD Mos e noutros clubs colaboradores poden beneficiarse de prezos especiais.
Campus de Porteiros Sergio Álvarez
Nas mesmas datas, do 20 ao 24 de xullo, o Campo das Baloutas acollerá tamén o Campus de Porteiros Sergio Álvarez by Cabreiroá, destinado a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos. As inscricións para esta actividade tamén se realizan a través da páxina web do RC Celta.

