O concello de Redondela destina 50.000 euros para as bolsas de comedor escolar

Redacción

– A partida destinada a estas axudas increméntase nun 25% como xa se fixo no curso anterior “para atender ao maior número de familias posible”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora destaca “o compromiso real” do goberno local coas políticas sociais, xa que desde a súa chegada á alcaldía o orzamento desta partida pasou de 20.000 euros en 2019 aos 50.000 actuais. O prazo de solicitude abre mañá venres.

– Rivas sinala que con estas bolsas garántese a escolarización, “ao compensar posibles carencias de tipo familiar ou económico e evitamos situacións de risco social, ao tempo que aseguramos unha nutrición axeitada para nenos e nenas”. O curso pasado foron beneficiados destas axudas 58 nenos e nenas.

Redondela, 9 de xullo de 2026. O departamento de Servizos Sociais do Concello de Redondela ten aberto o prazo de solicitude para as axudas de comedor escolar do curso 2026/27. Trátase dunha prestación económica destinada ás familias con menores que utilizan o servizo de comedor do colexio. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que con estas bolsas preténdese “garantir a escolarización, compensar posibles carencias de tipo familiar ou económico, evitar situacións de risco social e asegurar unha nutrición axeitada”. A partida municipal destinada a estas axudas aumenta un 25% con respecto ao curso anterior, ao pasar de 40.000 a 50.000 euros. Rivas destaca “o compromiso real” do goberno local coas políticas sociais, polo que desde a súa chegada á alcaldía o orzamento desta partida aumentou máis do dobre “pasando dos 20.000 euros de 2019 aos 40.000 do curso pasado e agora 50.000 para o próximo curso”.

A concelleira Iria Vilaboa explica que esta bolsa está dirixida ao alumnado con praza no comedor escolar dalgún dos centros de ensino público que contan con este servizo, e que faga uso do comedor de maneira continuada un mínimo de 3 veces por semana. Nas bases desta axuda establécense criterios económicos e da situación socio-familiar cos informes do departamento de Servizos Sociais do Concello. No pasado curso foron 58 os nenos e nenas que contaron coa bolsa. Todo o alumnado que cumpría cos requisitos da convocatoria e presentou a documentación obtivo a axuda de comedor.

As bases da convocatoria poden consultarse na páxina web do Concello de Redondela (www.redondela.gal) e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. As solicitudes deberán realizarse no impreso municipal específico para esta convocatoria, acompañadas da documentación requirida, e poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, tanto na oficina municipal de Chapela como na Casa do Concello, en horario de atención ao publico. Tamén pode facerse a través da sede electrónica do Concello https://redondela.sedelectronica.es. ou en calquera dos rexistros oficiais establecidos pola lexislación vixente. O prazo de solicitudes comeza mañá venres e estará aberto durante 30 días naturais.

Comparte este artigo