O proxecto presenta un orzamento próximo aos 50.000 euros e será cofinanciado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.
O Concello promove unha nova actuación destinada a seguir mellorando os servizos básicos no rural coa ampliación da rede municipal de abastecemento de auga na parroquia de Erboedo. O obxectivo principal do proxecto é facer chegar este servizo a Vilarmaior.
Ao tratarse dun núcleo de poboación situado nunha zona elevada na que non é posible o abastecemento por gravidade, requírese a instalación dun grupo de presión e dun depósito regulador, así como ampliar a rede nunha lonxitude de 1.200 metros. Ademais de permitir a conexión das vivendas de Vilarmaior á traída municipal, esta intervención contribuirá a reforzar o servizo cunha maior presión do caudal noutros núcleos próximos, mellorando así o funcionamento xeral da infraestrutura.
O investimento previsto ascende a preto de 50.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ao abeiro da liña de subvencións de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental. O procedemento de contratación das obras iniciarase nos próximos días.
O Concello continúa realizando un importante esforzo para estender progresivamente os servizos básicos aos máis de 300 núcleos de poboación rural existentes no termo municipal, co convencemento de que ampliar a cobertura do abastecemento e saneamento, e manter en boas condicións a rede viaria, contribúe a mellorar a calidade de vida da veciñanza e favorece o equilibrio territorial no concello.

