O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado polo Inspector da Policía Local de Baiona recibiron aos novos auxiliares da policía local de Baiona para darlles a benvida e facer entrega das respectivas acreditacións.
Como é sabido a Real Villa durante a época estival rexistra un importante aumento de poboación tanto fixa como flotante por iso faise necesario ampliar o persoal habitual.
Os auxiliares de policía contan cunha ampla preparación académica que recolle aspectos tanto teóricos como prácticos. Na súa formación, desde hai algún tempo, inclúense temas relacionados co medio ambiente, coa violencia de xénero ou aqueles relacionados con delitos informáticos.
A isto hai que engadir a vixilancia de tráfico, o mantemento de orde pública, velar polo coidado e seguridade dos escolares á entrada e saída de colexios, os conflitos veciñais, ou a resolución dunha infinidade de asuntos para os que son requiridos.
Pola súa banda, o alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, sinala que a contratación destes oito traballadores será “de gran axuda para mellorar a información, a seguridade e benestar da veciñanza”.
As novas incorporacións permitirán cumprimentar o servizo actual nas tarefas de control de tráfico, seguridade viaria e seguridade cidadá.
Baiona reforza o persoal da Policía Local con oito auxiliares

