O Concello de Soutomaior ultima todos os preparativos para nunha nova edición dos Concertos de Verán.
O Peirao de Arcade converterase esta noite no epicentro da música en directo coa celebración dunha nova edición dos Concertos de Verán, unha cita gratuíta que reunirá artistas de referencia do panorama internacional e galego nunha das grandes propostas culturais da programación estival de Soutomaior.
Desde primeira hora da mañá, o Concello ultimou todos os preparativos para garantir o correcto desenvolvemento do evento. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, visitou o recinto para supervisar a montaxe das infraestruturas e comprobar de primeira man que todos os dispositivos previstos estean listos para a xornada. Manu Lourenzo destacou que “hoxe é un día moi especial para Soutomaior. Levamos meses traballando para que os Concertos de Verán volvan ser unha gran celebración da música e da convivencia, cun evento seguro, accesible e pensado para desfrutar dunha noite inesquecible no Peirao de Arcade”.
A programación musical arrancará ás 20:30 horas coa actuación da Duendeneta. Ás 21:30 horas será a quenda de De Ninghures, mentres que ás 23:00 horas subirá ao escenario Talco, cabeza de cartel desta edición. A seguirá coa actuación de 9Louro, prevista para as 00:30 horas e volverá a Duendeneta para pechar a xornada.
Co obxectivo de facilitar os desprazamentos e garantir a seguridade, o Concello puxo en marcha un operativo especial de tráfico para esta edición dos Concertos de Verán. O dispositivo inclúe aparcamentos disuasorios habilitados especificamente para o evento, polo que se recomenda ás persoas asistentes facer uso destes espazos para acceder ao recinto con maior comodidade e contribuír á fluidez da circulación.
O evento contará tamén con medidas específicas de accesibilidade. No propio recinto do Peirao habilitarase un espazo de aparcamento reservado para persoas con mobilidade reducida (PMR), así como unha plataforma accesible desde a que poderán seguir os concertos con maior comodidade e visibilidade.
O Concello de Soutomaior anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao Peirao de Arcade para vivir unha noite de música, convivencia e lecer nun enclave privilexiado á beira da ría. Un evento pensado para todos os públicos que, un ano máis, aposta pola inclusión, a sustentabilidade, a diversidade e a tolerancia cero ante calquera comportamento sexista ou violento.

