O concello de Nigrán conecta mediante bus gratuíto Porto do Molle e Praia América todos os fins de semanas e festivos de xullo e agosto

Redacción

O Concello asume na súa integridade o servizo para que sexa totalmente gratuito para o usuario. O autobús sae cada 20 minutos desde a zona de servizo de caravanas en Porto do Molle ata Gaifar cunha parada intermedia no núcleo de Nigrán

“É un aforro de tempo e combustible, resultando un modelo de mobilidade sostible e que desde o Concello estamos a promover”, explica o alcalde, Juan González

O resto da semana a liña intramunicipal Nigranbus creada no 2022 polo Concello de Nigrán seguirá co seu percorrido habitual de Chandebrito a Priegue pasando por todas as parroquias (incluíndo a parada na praia)

O Concello de Nigrán conecta novamente Porto do Molle e Praia América mediante un autobús directo as fins de semana e festivos de xullo e agosto. A principal novidade desta iniciativa estreada no 2024 polo consistorio é que nesta ocasión resulta totalmente gratis para os usuarios, xa que o Concello contratou unilateralmente o servizo por importe de 10,978 € (os anos anteriores integrouse no ‘Servizo de Interese Municipal’ do Nigranbus, polo que funcionaba coas mesmas tarifas que o transporte regulado e coas bonificacións propias da tarxeta metropolitana). Así, desde a pasada fin de semana, chegar a Praia América e tombarse ao sol en tempo récord co handicap de ser fin de semana ou festivo volve a ser posible para a veciñanza que vive máis alonxada da costa.

A liña funciona cun vehículo de 22 prazas máis unha de mobilidade reducida nos devanditos días e cun horario de 11:00 a 13:00 horas, de 14:25 a 16:30 e de 17:00 a 20:30 con frecuencias cada 20 minutos. Coma o ano pasado, sae desde a área de servizo de caravanas de Porto do Molle (rúa Xian, a escasos metros do Centro Comercial Nasas) fai parada no centro de Nigrán (Praza Rosalía de Castro) e finaliza en Gaifar ao carón da oficina de turismo e a escasísimos metros da praia. “O punto de inicio é ideal porque hai moitas prazas de aparcamento para a veciñanza que ven máis do interior e facilita tamén a vida aos posibles caravanistas que, deste xeito, non ocupan espazo de aparcamento na costa. Ao mesmo tempo, para no núcleo urbano ao ser unha zona moi poboada e, polo tanto, con alta demanda”, explica Diego García Moreira, edil de Mobilidade que deseñou esta liña.

O resto da semana, a liña intramunicipal Nigranbus creada no 2022 polo Concello de Nigrán opera co seu percorrido de Chandebrito a Priegue pasando por todas as parroquias e incluíndo a mesma parada de Gaifar.

“É un aforro de tempo e combustible, resultando un modelo de mobilidade moito máis sostible e que desde o Concello estamos a promover”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao problema de aparcar preto da praia. “O tempo estimado do percorrido completo é de 20 minutos, así que calquera usuario poderá achegarse a parada sabendo que, como máximo nese tempo estará subindo ao autobús. Non cabe dúbida de que aforras moitísimo tempo e cartos con respecto á opción de achegarte co teu propio coche e, por descontado, diminúe a pegada de carbono”, valora González.

Comparte este artigo