O Peirao de Arcade converteuse unha vez máis no gran escenario da música en directo cunha nova edición dos Concertos de Verán, unha cita que reuniu a centos de persoas para desfrutar dunha intensa xornada de cultura, convivencia e lecer.
O A programación arrancou coa animación de La Duendeneta, encargada de poñer a mellor banda sonora desde o inicio da tarde e tamén de manter o ambiente entre actuación e actuación, facendo que a música non deixase de soar en ningún momento.
Un dos momentos máis especiais da noite chegou da man de De Ninghures, que conquistou ao público cun concerto no que a tradición, a emoción e a música galega foron as grandes protagonistas. O grupo ofreceu un directo vibrante que fixo cantar e emocionarse aos asistentes, enchendo o Peirao de Arcade dun ambiente único.
A continuación foi a quenda da banda italiana Talco, que volveu demostrar por que é unha referencia internacional do ska-punk. A súa enerxía sobre o escenario e a conexión co público converteron o concerto nunha auténtica festa, facendo bailar aos asistentes de principio a fin.
O broche de ouro chegou con 9LOURO, que pechou a noite cun espectáculo cheo de forza, ritmo e personalidade. O artista galego, cun estilo que mestura rap, trap, reguetón, pop e sons urbanos en galego, conseguiu manter a intensidade ata o último minuto, facendo vibrar ao público e poñendo o mellor final a unha noite inesquecible.
Desde a organización quérese agradecer a excelente resposta do público, que participou de forma masiva e contribuíu a crear un ambiente inmellorable ao longo de toda a xornada. A elevada asistencia e o entusiasmo dos asistentes consolidan os Concertos de Verán do Peirao de Arcade como unha das citas culturais e musicais máis destacadas do verán na comarca.
O Concello agradece tamén a implicación dos artistas, do equipo técnico, do persoal colaborador e de todas as persoas que fixeron posible o desenvolvemento desta exitosa edición, reafirmando o compromiso por seguir impulsando unha programación cultural de calidade, aberta a todos os públicos e que dinamiza o municipio durante a época estival.

