Están en marcha as obras de mellora e modernización do campo de fútbol do Lourambal

Redacción
  • O proxecto conta cun orzamento de máis de 678.000 euros e un prazo de execución estimado de catro meses.
  • As actuacións inclúen a instalación de céspede artificial de última xeración, a renovación integral do equipamento e un novo sistema de iluminación e rego.

O campo de fútbol do Lourambal inicia unha transformación integral co arranque das obras de mellora das súas instalacións. O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 678.152,05 euros, ten como obxectivo modernizar o espazo para ofrecer unhas condicións óptimas para a práctica deportiva.

A principal actuación será a substitución do actual terreo de xogo de herba natural por céspede artificial de última xeración. O novo campo, cunhas dimensións de 105×67 metros para fútbol 11, estará deseñado de xeito polivalente, permitindo a súa división en dous campos transversais de fútbol 7. A nova superficie contará cunha subbase elástica de escuma de poliolefinas de célula pechada reticulada, unha moqueta bicolor en ton verde e os correspondentes recheos de estabilización para o seu lastrado.

Melloras estruturais e sostibilidade

Para garantir o correcto mantemento e drenaxe das instalacións, o terreo de xogo disporá de pendentes específicas e canles de recollida de augas pluviais nos laterais, delimitando o pavimento cun bordelo de formigón.

Ademais, actuarase de xeito profundo na rede de rego coa instalación de  canóns emerxentes de longo alcance e un depósito enterrado de 20 m3 para asegurar o abastecemento de auga. Tamén se renovarán   por completo os proxectores do campo seguindo un rigoroso estudo lumínico, aproveitando os báculos xa existentes para mellorar a eficiencia enerxética e a visibilidade do recinto.

Renovación do equipamento deportivo

O proxecto tamén inclúe un importante renovación do equipamento deportivo. Instalaranse novas porterías tanto de fútbol 11 como de fútbol 7 , redes, banderíns de córner, varandas perimétricas e novos banquiños cubertos e pechados lateralmente. Así mesmo, dotarase ao espazo dunha nova sinalización.

Cunha duración prevista de catro meses, estas obras dotarán ao Lourambal dunhas instalacións modernas, sostibles e adaptadas ás necesidades dos clubs e deportistas que fan uso do campo a diario.

Explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que o concello seguirá mellorando as instalación deportivas en todas as parroquias.

O Campo do Porriño Industrial

O Lourambal é o campo do Porriño Indusitral, un clube que se fundou  oficialmente o 15 de febreiro de 1933 baixo o nome de Porriño F.C., presidido na súa primeira xunta directiva por Leocadio Lourido e vestindo inicialmente de branco e azul. Un dos seus maiores fitos históricos tivo lugar na tempada 1958-59 cando, co nome do seu patrocinador Zeltia, o equipo proclamouse campión galego de afeccionados e logrou o subcampionato de España. A denominación actual de Porriño Industrial chegou en 1965, froito da fusión entre o Louriña C.F. e o propio Zeltia, sendo Pepe da Morrilleira o seu primeiro presidente nesta nova etapa.

Ao longo da súa traxectoria, o primeiro equipo alternou categorías comarcais e rexionais cun notable paso pola Tercera División. Durante o longo mandato de Santiago Gilsanz de la Aldea nos anos 70 e principios dos 80, o club logrou un importante ascenso a Tercera División. Con todo, o seu maior éxito de liga chegou na tempada 1998-99 baixo a presidencia de José Carlos Díaz Casales, cando o equipo se proclamou campión de Tercera División e disputou a fase de ascenso a Segunda División B contra clubs de renome nacional. Tras esta época dourada, o club sufriu varios ascensos e descensos baixo as directivas de José Lorenzo Pérez e Luis Neira Olive.

A partir da tempada 2010-11, baixo a presidencia de Ramón Bastos, o club iniciou unha fonda remodelación estrutural impulsada pola estrea de modernos campos de herba sintética e a profesionalización do seu corpo técnico e médico. Esta aposta deu os seus froitos na campaña 2011-12 coa chegada do presidente Esteban Cidanes Domínguez, na que as categorías inferiores asinaron unha xesta histórica con catro ascensos simultáneos de xuvenís, cadetes e infantís. Foi precisamente nesta exitosa etapa cando Claudio Giráldez —actual adestrador do Real Club Celta de Vigo en Primera División— comezou a vencellarse á estrutura técnica da base como coordinador de canteira xunto a Humberto Lede, consolidando a cantera do Porriño Industrial na elite do fútbol base galego antes de dar o salto como técnico.

Comparte este artigo