– O Deputado de Recursos Sostibles participou no edificio CENIMA de Foz na presentación desta cita musical que se celebrará do 5 ao 21 de agosto e que conta cunha colaboración da institución provincial de 12.000€
– “Este proxecto encaixa á perfección na nosa maneira de entender a cultura: unha cultura que contribúe a que a provincia de Lugo sexa cada vez máis recoñecida pola súa capacidade de ofrecer experiencias únicas”, avanzou Cajoto Caserío
O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, participou este martes no edificio CENIMA de Foz na presentación da décimo terceira edición do Festival Bal y Gay, unha cita musical, de referencia en toda España, que se celebrará do 5 ao 21 de agosto. A programación inclúe 14 concertos en diferentes escenarios mariñáns e unha actuación do pianista ruso Grigory Sokolov no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo, un concerto que suporá tanto o regreso do pianista a Galicia tras dúas décadas como a estrea do Festival Bal y Gay na capital da provincia. A institución provincial fai posible este evento a través dun patrocinio económico de 12.000€.
Francisco Cajoto recalcou que presentar unha nova edición deste Festival en Foz “ten un significado especial, porque esta cita naceu aquí. O Bal y Gay xerminou en Nois, unha parroquia da nosa costa e hoxe, aquel proxecto que comezou con humildade é unha referencia da música clásica en España”. Destacou o Alcalde e Deputado Provincial “o prestixio internacional” dun Festival que leva a excelencia a escenarios únicos da Mariña e que consegue que miles de persoas escollan esta comarca cada verán tamén pola cultura.
“Como Alcalde de Foz síntome especialmente orgulloso de formar parte desta historia: o Bal y Gay leva o nome da nosa terra por todo o país”, valorou Cajoto, quen enmarcou a colaboración da Deputación de Lugo “na nosa maneira de entender a cultura: unha cultura que contribúe a que a provincia de Lugo sexa cada vez máis recoñecida pola súa capacidade de ofrecer experiencias únicas”.
Rematou a súa intervención agradecendo o “enorme traballo da Fundación Bal y Gay, así como das administracións colaboradoras e de todas as persoas que fan posible que este proxecto nos siga sorprendendo. O Bal y Gay demostra que a excelencia tamén ten acento mariñán”.
No acto de presentación desta cita tamén participaron a Directora do Festival Bal y Gay, Alba Rodríguez, o Presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeras, e a Presidenta da Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense, Rocío López, entre outras autoridades.
Programa
Esta 13ª edición inaugurarase co conxunto vocal Vox Luminis, dirixido por Lionel Meunier, o día 5 de agosto (21.00) na Catedral de Mondoñedo. Posteriormente, o pianista Moisés Sánchez actuará xunto á violinista Ana María Valderrama e ao contrabaixista Pablo Martín Caminero o día 6 (20.30) no Castelo de Castro de Ouro de Alfoz. A continuación, a soprano Auxiliadora Toledano e o pianista Javier Carmena estarán o día 7 (21.00) no Mosteiro de San Salvador de Lourenzá. Pola súa banda, o violista Antoine Tamestit e a violinista Alexandra Preucil protagonizarán o concerto do día 8 (20.30) na Basílica de San Martiño de Foz. O prestixioso pianista Grigory Sokolov concluirá este primeiro bloque do festival o día 9 (19.30) no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo.
O segundo tramo comezará coa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Ramos, o día 13 (21.00) na Igrexa de Santa María del Campo de Ribadeo. A programación proseguirá co tenor Santiago Ballerini, a soprano Berna Perles e o pianista Javier Carmena o día 14 (20.30) no Auditorio Casa da Cultura de Burela. Iria Folgado (oboe e corno inglés), Raquel Areal (violín), Sara Areal (violín), Marta Rodríguez Otero (viola) e Millán Abeledo Malheiro (violonchelo) presentarán outro dos concertos deste ano o día 15 (20.30) no Pazo de Fontao de Foz. Este segundo bloque finalizará co concerto-conferencia dedicado a Marcial do Adalid a cargo de Martín Llade e Clara Corrales (Radio Clásica – RNE) o día 16 (20.00) no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo.
O último tramo abrirase coa pianista Yulianna Avdeeva o día 17 (20.30) no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo. A Ritirata con Josetxu Obregón chegará o día 18 (20.30) ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro. A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, dirixida por Miguel Sepúlveda, actuará o día 19 (21.00) na Catedral de Mondoñedo e KamBrass o día 20 (20.30) no Museo e Fábrica de Sargadelos de Cervo. O barítono Samuel Hasselhorn, acompañado por Daniel Heide (piano), clausurará esta 13ª edición o día 21 (20.30) na Basílica de San Martiño de Foz.
As persoas interesadas en asistir a algunha destas actuacións poden adquirir as súas entradas en https://festivalbalygay.com/.

