Francisco Diéguez: “queremos que as persoas maiores poidan seguir vivindo nas súas casas con dignidade, que quen precise unha axuda a reciba a tempo e que ningunha persoa quede atrás por culpa da burocracia, da pobreza, das adiccións ou da exclusión social.”
Nunha cidade cada vez máis envellecida como Ourense, Avante Ourense considera imprescindible reforzar os Servizos Sociais para garantir unha atención máis próxima, máis áxil e máis humana ás persoas que máis o necesitan.
Entre as principais medidas presentadas destaca a remunicipalización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), recuperando a súa xestión directa por parte do Concello para garantir unha atención pública de maior calidade e unhas mellores condicións laborais para as profesionais. Así mesmo, Avante Ourense reclamará á Xunta un financiamento suficiente e adaptado á realidade demográfica da cidade, que permita reducir as listas de espera, ampliar as horas de atención e ofrecer un servizo digno ás persoas usuarias.
A plataforma tamén anuncia que recuperará para a xestión pública os servizos asistenciais municipais actualmente externalizados, comezando polo Servizo de Comida no Fogar conforme rematen os contratos vixentes, co obxectivo de garantir unha atención de maior calidade, reforzar o control público e asegurar que os recursos municipais se destinen integramente ao benestar da cidadanía.
Ademais, Avante Ourense propón reforzar os Servizos Sociais municipais con máis recursos e persoal, impulsar un Plan Municipal contra a Soidade Non Desexada, simplificar os trámites administrativos para facilitar o acceso ás axudas, crear un procedemento específico para responder con maior rapidez ás situacións de emerxencia social, desenvolver o programa “Barrios que Coidan” para detectar situacións de vulnerabilidade desde os propios barrios e poñer en marcha un Plan Municipal de Atención ás Persoas Sen Fogar e Loita contra as Adiccións, reforzando a prevención, a inclusión social e a coordinación coas entidades que traballan diariamente con estes colectivos.
Desde Avante Ourense lembramos que esta é a segunda das dez áreas estratéxicas da campaña “Ourense merece máis”, unha iniciativa coa que pretendemos presentar propostas concretas e viables para construír unha cidade máis xusta, cohesionada e centrada nas persoas.

