- O presidente provincial, Luis Menor, mostrase agradecido pola disposición e compromiso dos militantes e concelleiros “para dar este importante paso” e sentar as bases dun proxecto “amplo e plural”
- Erondina Salgado Vázquez, quen será a presidenta, destacou que a representatividade será unha característica esencial deste novo órgano, con persoas que “coñezan ben o concello, todos os pobos e a veciñanza”
O Partido Popular de Vilar de Barrio vén de propoñer a constitución dunha xestora que terá como obxectivo impulsar a formación cara ás próximas eleccións municipais de maio de 2027, proposta que deberá ser agora ratificada na próxima convocatoria da Xunta Directiva provincial.
O líder dos populares ourensáns, Luis Menor, recibiu na sede provincial do partido a unha delegación de militantes do PP local que, con Erondina Salgado Vázquez á fronte, integrarán inicialmente esta xestora, da que tamén forman parte os tres concelleiros do PP na Corporación municipal.
Agradecido pola disposición e compromiso dos militantes e concelleiros “para dar este importante paso”, Luis Menor animou aos membros da futura xestora a traballar con toda intensidade para “deseñar o mellor proxecto e equipo para Vilar de Santos e ofrecer á veciñanza unha alternativa na que confiar”. Un proxecto “amplo e plural”, destacou o presidente provincial, que “recolla todo o sentir do municipio”.
Pola súa banda, Erondina Salgado, que foi concelleira no mandato do 2015-2019, explicou que o principal obxectivo da xestora vai ser traballar para crear o mellor equipo de persoas “que compita seriamente por alcanzar a alcaldía” nas municipais de 2027.
A representatividade será unha característica esencial da xestora, dixo Erondina Salgado, pois estará integrada por persoas que “coñezan ben o concello, todos os pobos e a veciñanza”, co fin de saber de primeira man cales son as súas inquedanzas e necesidades, e propoñer ás persoas que poidan formar parte da candidatura popular en Vilar de Barrio. “Estamos ante un gran reto e imos poñer todo o noso traballo por diante para conseguilo”.

