O Concello de Fene inicia as obras de mellora na beirarrúa de acceso ao Centro de Saúde

Redacción

A actuación na avenida de Tarrío permitirá reforzar a accesibilidade e a seguridade nun dos itinerarios peonís máis transitados de Perlío

Os traballos consistirán na renovación completa do firme para garantir un paso máis cómodo para a veciñanza

O Concello de Fene vén de iniciar as obras de acondicionamento e mellora da beirarrúa situada na Vvenida de Tarrío, na parroquia de Perlío, concretamente no tramo que dá acceso ao Centro de Saúde, unha actuación orientada a mellorar a accesibilidade e a seguridade das persoas que utilizan diariamente este itinerario.

A intervención permitirá eliminar as deficiencias que presenta actualmente a beirarrúa, renovando por completo o firme para ofrecer un espazo máis accesible e seguro, especialmente para as persoas con mobilidade reducida, maiores e familias con carriños infantís.

Os traballos inclúen a demolición da beirarrúa existente e a retirada dos materiais resultantes, a preparación da explanada mediante a achega de zahorra artificial, a súa correspondente nivelación e compactación e a execución dunha nova soleira de formigón HA-25 reforzada con malla metálica de aceiro, garantindo unha maior resistencia e durabilidade. Finalmente, realizarase o acabado superficial conforme ás condicións técnicas necesarias para favorecer un tránsito peonil cómodo e seguro.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta actuación responde ao compromiso do Concello por mellorar os itinerarios peonís e facer de Fene un municipio cada vez máis accesible”. A rexedora subliñou que “estamos a actuar nun punto especialmente sensible, xa que se trata do principal acceso peonil ao Centro de Saúde de Perlío, utilizado diariamente por ducias de persoas”.

Permuy engadiu que “o investimento nas beirarrúas tamén é investir na calidade de vida da veciñanza. Pequenas actuacións como esta teñen un impacto directo na seguridade, na mobilidade e na autonomía das persoas, especialmente das máis vulnerables”.

Desde o Concello de Fene lembran que esta actuación forma parte do plan municipal de mantemento e mellora dos espazos públicos que vén desenvolvendo, co que se continúa actuando progresivamente en diferentes puntos do municipio para reforzar a accesibilidade, eliminar barreiras arquitectónicas e conservar en boas condicións as infraestruturas destinadas ao uso peonil.

O Concello agradece a comprensión da veciñanza polas posibles molestias que poidan ocasionar as obras e recomenda respectar a sinalización provisional mentres duren os traballos.

Comparte este artigo