A Xunta construirá unha nova Estación Deputadora para dar servizo aos concellos de Cee e Corcubión, cun investimento total de case 14 millóns de euros

Redacción
  • Ángeles Vázquez explica que a futura infraestrutura hidráulica se construirá nunha parcela localizada fronte á EDAR actual, unha decisión que garante que durante a execución da intervención as instalacións vellas poidan seguir en funcionamento
  • A previsión do departamento autonómico é que este mesmo ano se liciten as obras, que inclúen ademais un novo bombeo e unha condución de vertedura cos que se mellorará a calidade da auga da ría e se poderá garantir un servizo máis eficiente a unha poboación estimada de 16.400 persoas, entre ambos municipios
  • A conselleira destaca que esta actuación se enmarca na planificación autonómica para impulsar novas solucións de depuración, modernizar infraestruturas existentes e mellorar a súa eficiencia enerxética, cun investimento estimado en máis de 126 M€

Cee (A Coruña), 17 de xullo de 2026.- A Xunta de Galicia construirá unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) para dar servizo aos concellos de Cee e Corcubión. Cun investimento previsto de 13,9 millóns de euros, a futura infraestrutura estará localizada no porto ceense de Brens e a súa execución será posible grazas ao convenio asinado esta mañá entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín Formoso, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e o alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez.

Segundo os termos fixados no acordo, a Xunta, a través de Augas de Galicia, encargarase de contratar a execución das obras e asumirá o 80% do investimento necesario, mentres que as outras tres administracións locais aportarán o 20% restante: un 10% irá a cargo da Deputación e o outro 10% dos concellos. A actuación, ademais, contará con cofinanciamento da UE, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2021-2027.

Tal e como explicou Ángeles Vázquez, a futura estación depuradora construirase nunha parcela localizada fronte á EDAR actual, unha decisión que garante que durante a execución da intervención as instalacións vellas poidan seguir en funcionamento.

En canto aos prazos, a previsión que manexa Augas de Galicia é poder licitar as obras este mesmo ano. Os traballos terán unha duración de 24 meses e de 12 máis para a posta en marcha das infraestruturas.

Ademais da depuradora, que é o eixo central da intervención, o proxecto obxecto do convenio tamén inclúe un novo bombeo e unha nova condución de vertedura que permitirán mellorar a calidade da auga da ría e garantir un servizo máis eficiente para unha poboación estimada de 16.400 persoas, entre ambos concellos.

Neste sentido, a responsable autonómica fixo fincapé en que a execución destas obras será fundamental para contribuír ao progreso da comarca, xa que, unha vez estean rematadas e operativas, contará cun sistema de saneamento con máis capacidade de tratamento, adaptado ás necesidades actuais e ás que veñan nun futuro.

Por último, Ángeles Vázquez destacou tamén que esta actuación se enmarca na planificación autonómica deseñada por Augas de Galicia desde un enfoque integral co obxectivo de impulsar novas solucións de depuración, modernizar infraestruturas xa existentes e mellorar a súa eficiencia.

Deste xeito, todas as intervencións se definen tendo en conta o funcionamento do sistema ao completo, non só o da depuradora, a súa explotación futura e o impacto sobre o medio ambiente, de aí que tamén se introduza como factor a valorar a avaliación da eficiencia e da suficiencia enerxética dunhas instalacións que se caracterizan por ter uns consumos moi elevados.

Cun investimento global de máis de 126 millóns de euros, esta planificación a medio prazo en materia de saneamento inclúe un total de 12 intervencións hidráulicas das cales 3 —os proxectos das depuradoras de Sada e de Noia, ademais da futura EDAR de Cee e Corcubión— beneficiarán a concellos da provincia da Coruña.

Comparte este artigo