Carmela López inaugura en Xermade un espazo único para preservar a tradición torneira que foi posible grazas á Deputación

Redacción

– A Presidenta da Deputación e o Alcalde de Xermade abriron as portas da Reitoral Centro Internacional da Torneiría que albergará unha exposición permanente sobre este oficio tradicional e unha sala de usos múltiples para realizar diferentes actividades

– Na institución provincial estamos convencidos de que Lugo medra cando cada unha das parroquias e dos concellos son capaces de desenvolver aquilo que os fan únicos. Por iso apoiamos iniciativas coma esta”, recalcou Carmela López

– No marco desta inauguración, presentouse tamén o XXVI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira que se celebrará neste municipio chairego do 18 ao 20 de setembro e que conta cunha colaboración da Deputación de máis de 12.000€

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto ao Alcalde do Concello de Xermade, Roberto García Pernas, e o Delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras, inauguraron este venres en Xermade A Reitoral Centro Internacional da Torneiría. Este novo espazo, situado na antiga casa reitoral, cumpre cun dobre obxectivo: por unha banda, preservar, promover e divulgar a tradición da tornaría; e, pola outra, ofrecer unha sala polivalente destinada á celebración de diferentes actividades. O proxecto foi posible grazas á colaboración da institución provincial con máis de 20.000€ e unha achega económica de máis de 400.000€ do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Carmela López recalcou que “hoxe estamos demostrando que o patrimonio pode seguir sendo útil” e recordou que “nada aquí nace da casualidade. Nace dun oficio que Xermade soubo coidar durante décadas e dunha tradición que nunca deixou de evolucionar. Na Deputación compartimos esa maneira de entender a provincia. Estamos convencidos de que Lugo medra cando cada unha das parroquias e dos concellos son capaces de desenvolver aquilo que os fan únicos. Por iso apoiamos iniciativas coma esta”.

“O Concello de Xermade impulsou este proxecto e o Goberno de España achegou o apoio para facelo realidade. Ademais, a Deputación colaborou na súa rehabilitación convencida de que investir nos concellos é investir no futuro da provincia”. A Presidenta da institución provincial aproveitou a súa intervención para felicitar ao Alcalde e puxo en valor a implicación do Goberno de España. Así mesmo, dedicou unhas palabras “ás xeracións de torneiros e torneiras que fixeron posible que hoxe este edificio teña unha razón de ser, rematou.

Pola súa banda, o Alcalde Roberto García detallou que A Reitoral Centro Internacional da Torneiría conta, na planta baixa do edificio, cunha sala de usos múltiples na que está previsto que se desenvolvan diferentes actividades ou eventos; e na planta superior atópase un espazo expositivo permanente de pezas de tornaría. “Como se pode observar fíxose unha restauración completa implantando enerxías renovables, reafirmando así o noso compromiso coa sustentabilidade e co respecto ao medio ambiente” avanzou o Alcalde.

Roberto García agradeceu a todas as administracións implicadas e sinalou que “queremos dinamizar e manter vivo o rural, así como colaborar coa economía local. Do mesmo xeito, poñemos á disposición este local a todos os colectivos e asociacións do noso Concello para o seu uso”.

XXVI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira

No marco desta inauguración, presentouse tamén a vixésimo sexta edición do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira. A cita celebrarase do 18 ao 20 de setembro neste municipio chairego e conta cunha colaboración da institución provincial de máis de 12.000€ a través do Plan Deputación.

Como cada ano, a programación inclúe numerosas actividades entre as que destacan especialmente as demostracións en directo de reputados profesionais do mundo da tornaría como Alain Mailland, Benoit Averly, Bernard Azema ou Carlyn Lindsay, entre outros.

Carmela López avanzou que “este evento forma parte da identidade da nosa provincia e proxecta cara o exterior unha imaxe de Lugo vinculada á calidade e á autenticidade. Quero felicitar á Asociación de Torneiros, ao Concello e a todas as que persoas que, ano tras ano, fan posible que esta cita siga medrando”.

Comparte este artigo