O Concello de Mos celebrará este 12 de agosto a actividade “Mos Baixo as Estrelas”, unha proposta que reunirá no Castro de Herville actividades divulgativas, música, maxia, gastronomía e observación astronómica coincidindo co eclipse solar e coa chuvia das Perseidas.
A programación arrancará ás 19:15 horas coa saída desde o Castro cara á mámoa de Chan da Carreira. Ás 19:30 horas comezará unha actividade divulgativa, con inscrición previa, na que se explicará como se produce un eclipse solar, que precaucións deben adoptarse para observalo con seguridade e como utilizar correctamente as lentes homologadas. A observación do eclipse poderá seguirse desde ese momento e o punto de máxima ocultación do Sol está previsto para as 20:30 horas.
Entre as 20:45 e as 21:30 horas celebrarase unha andaina guiada organizada pola Comunidade de Montes de Herville, tamén con inscrición previa. Nesa mesma franxa abrirá o espazo gastronómico e actuará o Grupo Arume de Guizán.
A programación continuará coa actuación do Mago Marco, entre as 21:30 e as 22:15 horas, e co concerto do Grupo Patinamá, de 22:30 a 00:00 horas. Paralelamente desenvolveranse obradoiros infantís de pintacaras, calcomanías e atrapasoños, tamén con inscrición previa.
Como peche da xornada, entre as 00:15 e a 01:00 horas, terá lugar unha sesión de iniciación á observación do ceo nocturno e das Perseidas na contorna da mámoa de Chan da Carreira.
O Concello de Mos lembra que varias das actividades contan con prazas limitadas e requiren inscrición previa, e anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao Castro de Herville para gozar dunha noite na que a astronomía será a gran protagonista.

