O alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, recibiron o futbolista no Concello para recoñecer a súa traxectoria e o seu último éxito internacional coa selección española e co Celta Fortuna.
O Concello de Soutomaior homenaxeou hoxe ao veciño Mateo Sobral Sabajanes, futbolista xuvenil do Celta que esta tempada está xogando co Celta Fortuna e que vén de proclamarse campión da UEFA Friendship Cup 2026 coa selección española sub-18. O alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, recibiron o deportista nas dependencias municipais e fixéronlle entrega dun recoñecemento institucional pola súa traxectoria e por levar o nome de Soutomaior ao máis alto nivel deportivo.
Mateo Sobral, que compite na categoría xuvenil do Celta e esta tempada está xogando co Celta Fortuna, continúa así sumando experiencias e éxitos na súa progresión futbolística. O último chegou en Suíza, onde a selección española sub-18 se proclamou campioa da UEFA Friendship Cup tras vencer por 0-2 a Inglaterra na final disputada en Nyon.
O alcalde, Manu Lourenzo, destacou o orgullo que supón para o municipio contar cun deportista que está a dar pasos importantes na súa carreira. «Mateo é un exemplo de talento, esforzo e constancia. Os seus éxitos son tamén unha alegría para Soutomaior, porque leva o nome do noso concello por escenarios deportivos internacionais e demostra que, con traballo e ilusión, se pode chegar moi lonxe», sinalou.
Lourenzo felicitou o futbolista polo título conseguido e desexoulle sorte nos próximos retos deportivos, destacando tamén a importancia de recoñecer o traballo e a dedicación dos mozos e mozas do municipio que sobresaen nas súas disciplinas.
Con esta homenaxe, o Concello de Soutomaior quere trasladarlle a Mateo Sobral o recoñecemento e o apoio da veciñanza e poñer en valor unha traxectoria que continúa sumando éxitos no fútbol de base nacional e internacional.

