Domínguez denuncia que o BNG de Lores leva perdidos 13 M€ entre fondos europeos e expropiacións forzosas

Redacción

.• O dirixente popular asegura que o Goberno local converteuse en “unha máquina de perder diñeiro” tras citar os 3,4 M€ perdidos da convocatoria da Fundación Biodiversidade, 1 M€ das axudas BIC e máis de 9 M€ en sentenzas desfavorables por manter un PXOM de 1989

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, denunciou que o Goberno local do BNG converteuse en “unha máquina de perder diñeiro” ao renunciar a preto de 13 millóns de euros entre subvencións europeas non executadas e sentenzas xudiciais desfavorables por expropiacións forzosas.

Domínguez comezou lembrando algúns dos exemplos que poñen de manifesto a “pésima xestión” do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e do Gobierno en minoría do BNG: os 14 anos para adxudicar o contrato do lixo; os 11 anos pagando o alugueiro dos terreos da Canicouva por unha planta de compostaxe que non existe; o millón de euros investido nun estudo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que acabou gardado nun caixón; o peche do CITA, único museo de titularidade municipal; ou o fracaso dos postos da planta superior do Mercado de Abastos.

A estes casos, algúns deles citados no pleno ordinario deste luns, o líder do PP de Pontevedra sumou hoxe novas perdas millonarias derivadas da “incapacidade” do Gobierno local para aproveitar oportunidades e executar proxectos.

Un dos casos máis relevantes son os 4.394.966,09 € correspondentes ao proxecto RedeVerde Pontevedra, do que o Concello ía recibir unha subvención de 3.474.418,25 € procedentes de fondos europeos xestionados pola Fundación Biodiversidade. O proxecto incluía actuacións como o destape do Gafeños, a mellora ecolóxica e paisaxística da contorna do Recinto Feiral e inclusión de sistemas de drenaxe sostible, a restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade do parque María Vinyals e da área verde do Lérez, a restauración das Marismas de Alba ou a cuberta verde da Praza da Liberdade e a renaturalización de Augusto García Sánchez.

“Lores perdeu 3,5 M€ de fondos europeos porque non foi capaz de levar a cabo ningunha destas actuacións”, sinalou. O prazo, prórrogas incluídas, finalizou o pasado 30 de xuño.

Doutra banda, o dirixente popular lembrou que o Concello renunciou oficialmente en 2024 a unha axuda de 1M€, tamén financiados con fondos europeos, canalizadas a través da Xunta de Galicia para investir en Bens de Interese Local (BIC), para mellorar os salóns do Lérez, na zona das Aceas, xunto á ponte do ferrocarril.

Así mesmo, Domínguez afeou que o Goberno local renunciase a executar a Vía Verde do Salnés entre Pontevedra e Barro, un proxecto valorado en 576.888 € no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, porque eran conscientes de que serían incapaces de executar as obras dentro do prazo establecido. Esa actuación foi substituída por unha intervención de mellora enerxética no Mercado de Abastos, adxudicada por 514.322,90 € e cuxo inicio está previsto para setembro. “Parécenos unha tomadura de pelo que se anuncien fondos para a Vía Verde de Barro e que, ao ver que non son capaces de levar a cabo o proxecto, destínenos ao Mercado. Primeiro anunciaron as obras para xuño e agora para setembro. Moito me temo que se acabarán perdendo outros 0,5 M€”, advertiu.

Por todo iso, Domínguez cualificou de “catastrófica” a xestión dos fondos europeos por parte dos responsables do Concello e denunciou a “incapacidade absoluta” de Lores para sacar adiante proxectos en tempo e forma, coa conseguinte perda de financiamento externo.

Se a perda de fondos europeos xa é grave, para o líder do Partido Popular aínda o é máis o custo que supón para as arcas municipais o manter vixente un PXOM de 1989. “É unha vergoña seguir cun Plan Xeral desfasado. Levamos anos advertindo de que, alén de frear o crecemento da cidade, está a xerar un enorme custo económico para as arcas municipais”, afirmou.

Neste sentido, lembrou as numerosas sentenzas nas que os propietarios exercen o dereito á expropiación por ministerio de lei, ao tratarse de parcelas reservadas para dotacións públicas que o Concello nin desenvolve nin expropia, obrigando a moitos particulares a acudir aos tribunais para resolver o conflito.

Segundo explicou, este tipo de resolucións xa supuxeron máis de nove millóns de euros en expropiacións forzosas e, ademais, “cónstanos que van seguir chegando novas sentenzas desfavorables para o Concello de Pontevedra”.

En total, máis de 13 M€ que “poderían destinarse a mellorar os barrios e as parroquias, reforzar os servizos sociais, mellorar os medios humanos e materiais da Policía Local e os Bombeiros, dotar aos clubs deportivos de instalacións dignas ou crear novas prazas de aparcamento”.

Domínguez lamentou a “neglixente e pésima xestión” do alcalde Lores que, ao seu xuízo, “demostra unha absoluta incapacidade para administrar as arcas municipais e que só fai perder cantidades millonarias aos pontevedreses”.

Finalmente, o dirixente popular afirmou que “é imposible xestionar peor o diñeiro público” e que “Lores se converteu nunha raíña nai que só exerce tarefas de representación, mentres abandona a xestión diaria do Concello, provocando que os pontevedreses perdamos diñeiro a mancheas”, concluíu.

Comparte este artigo