Forzas e Corpos de Seguridade investigan o roubo e queima de dous vehículos municipais cun prexuízo de máis de 60.000 euros para o concello

Redacción

– A Policía Nacional asume a investigación do asalto ás dependencias municipais e a Garda Civil faise cargo do seguimento polos dous vehículos oficiais do servizo de electricistas calcinados nun monte de Reboreda.

– A alcaldesa, Digna Rivas, apela á prudencia e confirma a total coordinación entre os corpos policiais. A rexedora garante que se traballará de xeito firme “ata chegar ao fondo do asunto”.

O Concello de Redondela informa dun grave suceso acontecido nas últimas horas que afecta directamente ao patrimonio público de toda a veciñanza. Descoñecidos asaltaron as instalacións do servizo municipal de Infraestruturas e Sostibilidade, subtraendo ferramentas de traballo, material técnico e dous vehículos oficiais pertencentes ao servizo municipal de Electricidade. Ambos transportes apareceron a primeira hora desta mañá totalmente calcinados nunha zona de monte na parroquia de Reboreda.

Nunha primeira valoración económica, o custo do material roubado xunto cos dous vehículos destruídos polo lume supón un prexuízo total para as arcas municipais que supera amplamente os 60.000 euros.

O caso xa se atopa baixo estrito control policial. As forzas e corpos de seguridade están a traballar de xeito conxunto e coordinado: a Policía Nacional asumiu por competencia a investigación do roubo nas dependencias do Concello, mentres que a Garda Civil estase a facer cargo de todas as dilixencias e a recollida de probas relacionadas coa queima dos dous vehículos no monte.

A alcaldesa de Redondela quixo trasladar unha mensaxe de firmeza institucional e asegurou que se porán todos os medios necesarios a disposición dos investigadores para que este acto delituoso non quede impune, sinalando explicitamente que se chegará “ao fondo do asunto”. Do mesmo xeito, dende o Goberno local pídese aos medios de comunicación e á poboación a máxima prudencia e cautela respecto ás informacións que transcendan, co obxectivo prioritario de non interferir nas pescudas que están en marcha.

O concelleiro responsable do servizo, Roberto Villar, sinala que xa se activaron todos os mecanismos de urxencia para a reposición do material subtraído. Villar explica que o servizo de electricidade seguirá operativo e atendendo calquera incidencia no municipio “coa menor afectación posible para os cidadáns”.

Comparte este artigo