O concello de Redondela supera o Plan de Axuste e liquida a súa débeda de xeito anticipado cun aforro de máis de 156.000 €

Redacción

– O Concello de Redondela liquidou anticipadamente a débeda de 746.462 euros asinada en 2024, aforrando máis de 156.000 euros en xuros e acadando a débeda cero. A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o fito financeiro e agradeceu expresamente o traballo do persoal técnico e funcionarios municipais “pola súa implicación e rigor”.

– Rivas destacou que os números falan por si sós: “Non só saímos do plan de axuste antes do previsto, senón que demostramos a excelente saúde financeira do Concello, que se atopa hoxe con total autonomía económica para afrontar novos investimentos estratéxicos sen hipotecar o futuro do municipio”.

O Concello de Redondela non só superou con éxito o plan de axuste municipal para acadar a estabilidade orzamentaria, senón que o fixo cunha solvencia económica tal que permitiu realizar a devolución anticipada da débeda. Esta xestión supón un fito de eficiencia que libera ao municipio de cargas de cara aos vindeiros anos. En concreto, o Goberno local liquidou por completo un préstamo de 746.462 euros que se formalizara en novembro de 2024. Esta operación de crédito asinárase cun tipo de xuro do 2,737% e un prazo de amortización fixado en 15 anos. Porén, a boa situación económica do Concello fixo posible acelerar os pagamentos de xeito drástico. “Adiantar o pagamento supón unha vantaxe directa para os petos da cidadanía, xa que nos permitiu aforrar un total de 156.710 euros de xuros que xa non se terán que pagar aos bancos”, explica a alcaldesa, Digna Rivas.

Un grave fallo informático resolto en tempo récord

Rivas destacou a relevancia deste saneamento económico: “Cando dicíamos que Redondela era un Concello solvente e que os problemas de pagos se deberon a un problema informático transitorio, estabamos a dicir a verdade”. O Concello sufriu hai tres anos un fallo técnico grave no sistema informático, o que provocou a perda de datos no departamento de Intervención.  “Foi unha situación moi complexa que puido colapsar o Concello de Redondela e grazas a todos os funcionarios e o servizo técnico informático resolveuse en tempo récord”, lembra a alcaldesa. “Ata a Axencia Estatal de Datos nos deu os parabéns pola boa xestión realizada”. Durante eses meses perdéronse datos que houbo que recuperar, o que impediu presentar as contas xerais a tempo. Hoxe os números falan por si sós: “non só saímos do plan de axuste antes do previsto, senón que pagamos en apenas un ano un préstamo que estaba asinado a quince, o que permite aforrar á cidadanía de Redondela máis de 156.000 euros en xuros”, conclúe Rivas.

Con esta liquidación total o Concello de Redondela sitúase hoxe con débeda cero, recuperando a súa total autonomía económica para afrontar novos investimentos estratéxicos sen hipotecar o futuro do municipio.

Comparte este artigo