O Concello asumirá o custo da parte proporcional dos abonos, tal e como xa fixo nas anteriores ocasións nas que o complexo deportivo cesou a actividade por obras.
O Concello da Laracha desminte as afirmacións realizadas publicamente pola portavoz do grupo municipal do PSOE, D.ª Inés Ramos, sobre o funcionamento da piscina municipal durante agosto e aclara que non se corresponde coa realidade que os abonados teñan que aboar a cota íntegra dese mes. Esta afirmación constitúe un bulo, que resulta especialmente grave ao afectar directamente a un servizo municipal utilizado por arredor de 1.600 abonados.
Como xa se informou publicamente desde este Concello, durante o mes de agosto realizarase, por unha banda, o peche técnico para os labores de mantemento do vaso da piscina do día 10 ao 16, que todos os anos se programa coincidindo coa semana das festas patronais da Laracha por ser a de menor utilización das instalacións. A ese peche sumarase un período adicional que afectará unicamente á piscina -non ao ximnasio nin aos vestiarios- motivado pola execución da fase final das obras de renovación da cuberta, unha actuación que tamén se programou para agosto -cunha previsión do día 17 ao 28- precisamente para minimizar as molestias aos usuarios, xa que se trata da época do ano na que rexistra a menor afluencia, cunha media diaria de usuarios que é practicamente a metade con respecto ao resto dos meses.
Durante o tempo que a piscina permaneza pechada por causa das obras, aos abonados das modalidades que inclúen o uso desa parte das instalacións -exclusivas ou combinadas co ximnasio- aplicaráselles un desconto pola parte proporcional da cota correspondente aos días de peche. Ademais, ampliarase o prazo de utilización dos bonos de baño para que ningún usuario resulte prexudicado.
Ese desconto será asumido integramente polo Concello, que compensará economicamente á empresa concesionaria do servizo cun importe estimado e aproximado de 5.000 euros. Trátase da mesma fórmula aplicada nas anteriores ocasións nas que se executaron obras na piscina municipal.
Ademais, desde o Concello aclárase que o horario especial de verán da piscina responde igualmente a criterios de utilización do servizo. Durante os meses estivais redúcese o uso de maneira significativa, polo que o horario se adapta ás franxas de maior afluencia, tendo en conta ademais a planificación das vacacións do persoal do complexo deportivo e as súas necesidades de conciliación. Trátase dun modelo que vén funcionando satisfactoriamente, con nove horas e media de apertura diaria de luns a venres e catro horas nas fins de semana, e que permite manter a piscina aberta durante todo o ano, evitando un peche completo durante o mes de agosto como sucede noutros municipios. Cabe lembrar que, salvo en xullo e agosto, a mediodía o peche é soamente de 14:30 a 16:00 horas, espazo que ademais se aproveita para realizar a limpeza das instalacións.
Neste contexto, este Concello considera sorprendente que a portavoz do PSOE da Laracha non contrastase previamente esa información cos servizos municipais que están á súa disposición para facelo, e gravase un vídeo diante das instalacións durante o propio horario de apertura sen entrar a solicitar información. De facelo, podería facer a consulta ao persoal de recepción ou mesmo resolvela cos carteis informativos sobre esta cuestión que están colocados na instalación deportiva.
Finalmente, o Concello da Laracha subliña o máximo respecto polo labor de control e fiscalización que corresponde aos grupos municipais da oposición, así como do seu dereito a discrepar da acción do Goberno local ou mesmo de posicionarse en contra das actuacións de mellora das infraestruturas públicas se así o estiman oportuno. Non obstante, considérase que ese exercicio debe desenvolverse sempre desde a lealdade institucional e que a información que se traslade á opinión pública debe ser rigorosa, contrastada e fiel á realidade, máis aínda nunha cuestión que afecta ás condicións de uso dun servizo municipal con arredor de 1.600 usuarios.

