Mos acolle con éxito unha nova edición do Concurso Nacional de Salto no Club Hípico El Alazán

Redacción

O Club Hípico El Alazán reuniu durante a pasada fin de semana en Mos a centos de xinetes e amazonas de diferentes puntos de España na celebración dunha nova edición do seu Concurso Nacional de Salto, unha das citas habituais do calendario hípico.

Ao longo das tres xornadas realizáronse preto de 600 saídas a pista nun programa que combinou probas dirixidas aos binomios en formación con outras de maior nivel competitivo.

Cabe destacar a participación da Escola de Equitación San Cosme, que volveu ter unha presenza importante nas diferentes probas, compartindo pista con deportistas de ampla experiencia e favorecendo a progresión dos máis novos.

O sábado disputáronse o Pequeno Gran Premio (PGP) e o Mini Pequeno Gran Premio (MPGP). No PGP impúxose José Luis Milán Dópico con Indarco, seguido de María González Blanco con Carla Columna e de Belén Rodríguez Suárez con Beauty Breaker.

No MPGP, a vitoria foi para Marta Casteleiro García-Matres con Liverpool Bareliere Z. Laura Carballo Novo, con Ellie Vant Hulst Z, rematou en segunda posición, mentres que Antonio Vozone, con Chef de Vasquerie, completou o podio.

O domingo celebrouse o Gran Premio, a proba de maior nivel do concurso. A primeira posición foi para Vicky Burd con Unique d’Elbe, seguida de Javier González Fraga con Cupido de Serra e de Gloria Hevia Gómez con Unistov Coco.

O Concello de Mos agradece o traballo realizado polo Club Hípico El Alazán, así como a implicación do persoal organizador, dos xuíces, voluntariado, patrocinadores e participantes, que fixeron posible o desenvolvemento dunha nova edición do concurso.

Tras esta cita, as instalacións do club acollerán do 18 ao 23 de agosto o Campionato Galego de Salto, unha competición que volverá reunir en Mos aos principais binomios da comunidade.

Comparte este artigo