A Xunta destina 50.000 euros á restauración de elementos patrimoniais na aldea de Requeixo, en Chandrexa de Queixa, dentro da Rede Natura 2000

Redacción

Ángeles Vázquez salienta que esta preservación de elementos tradicionais favorece tamén un uso sostible do territorio e reforza tanto o atractivo turístico do concello como a calidade de vida da veciñanza ao recuperar espazos públicos de esparexemento

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo na aldea de Requeixo, no Concello de Chandrexa de Queixa, no marco das axudas que concede a Xunta de Galicia para apoiar os municipios na conservación e posta en valor do seu patrimonio natural.

No caso concreto da aldea de Requeixo, a Xunta financiou dúas actuacións: o acondicionamento da fonte, lavadoiro e bebedoiro cunha axuda de 20.000 euros e a rehabilitación do forno e a súa contorna, cun investimento de 30.000 euros. A través destes traballos rehabilitáronse estes elementos tradicionais, mellorouse o seu estado de conservación e garantiuse a súa funcionalidade e integración na contorna.

Segundo dixo a conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a recuperación deste patrimonio tradicional “contribúe tamén á conservación dos valores ambientais da Rede Natura 2000”, na que está incluído o concello de Chandrexa de Queixa.

A maiores, Ángeles Vázquez engadiu que esta preservación de elementos tradicionais favorece tamén un uso sostible do territorio e reforza tanto o atractivo turístico do concello como a calidade de vida da veciñanza ao recuperar espazos públicos de esparexemento.

Comparte este artigo