O pleno aprobaba este mediodía por maioría absoluta as contas públicas
O Concello de Neda aprobaba esta mañá o orzamento xeral axustado en gastos e ingresos para o presente exercicio. As contas públicas ascenden a 5.479.622 euros, o que representa unha suba de ao redor do 8,6 % con respecto ás anteriores, correspondente ao 2024. Desta volta, o gasto social rolda os 1,7 millóns de euros, e o investimento real rolda os 300.000 euros.
O pleno da corporación deu luz verde inicial, por maioría absoluta, o documento orzamentario do 2026, cuxa tardanza se explica pola carga de traballo existente, a necesidade de contar con información o máis real posible, e ter aprobado o Plan económico financeiro requirido, ao terse incumprido a regra de gasto, a consecuencia das actuacións derivadas dos problemas no subministro de auga do pasado verán.
Segundo subliña a memoria de alcaldía, a pesar da suba xeral de prezos dos distintos servizos (un bo exemplo é o custo do tratamento dos residuos imposto por Sogama) e da necesidade de licitar novos contratos públicos, o Concello aposta por conxelar a presión fiscal. A diferencia do que acontece noutras localidades da contorna, non se contemplan aumentos nin de impostos nin de taxas nin de prezos públicos, e mantéñense as bonificacións existentes.
Trátase dunhas contas públicas realistas, que manteñen as liñas esenciais dos últimos exercicios, garantindo os servizos, e primando o gasto social. Sobe especialmente o gasto corrente e o de persoal, que alcanza os 1,4 millóns de euros.
O gasto en políticas socias -servizos sociais, fomento do emprego, conciliación, sanidade e educación- rolda os 1,7 millóns de euros, co programa de axuda no fogar (1.078.000 euros) e as partidas de xestión e mantemento da escola infantil (187.000 €) como apostas centrais. A maiores, o conxunto dos investimentos en Cultura e Deportes suman preto de medio millón de euros. Entre as novidades, a adaptación “á realidade actual” das subvencións educativas, culturais e deportivas.
O capítulo de investimentos reais constitúen unha porcentaxe do 5,61% do total do orzamento (uns 307.000 euros), similar á do orzamento anterior, sendo as principais partidas ás destinadas a sufragar as obras do POS 2026 (reforma e adecuación do arquivo e pintado da Casa da Cultura, e a pavimentación da pista de Pontegrande), así como complementar a subvención do Agader.
Os grupos da oposición criticaron a tardanza á hora de presentar os orzamentos e a falta de grandes intervencións. PP e Moveneda abstivéronse, e o BNG votou en contra do presuposto, que saíu adiante cos votos do goberno local (PSOE).
O documento orzamentario deberá agora exporse ao público por un período de 15 días, previo anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

