González Abelleira: “Os informes independentes desmontan o relato de descontrol co que Candia tratou de xustificar a moción de censura”

Redacción

O último informe do Consello de Contas, publicado o pasado 31 de xullo, sitúa o Concello de Lugo no nivel ALTO de madurez do control interno durante o período 2021-2023 e define o seu sistema como un “control real e efectivo”.

Só 26 dos 259 concellos avaliados alcanzan a máxima categoría, mentres que Lugo cumpriu tamén coas obrigas de remisión de información sobre contratación, convenios e control interno.

“Fronte ás opinións e aos relatos interesados están os datos: deixamos un Concello controlado, cunhas contas saneadas, unha débeda moi contida e recursos e proxectos para seguir avanzando”, afirmou a voceira socialista.

A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, puxo en valor os resultados do último informe publicado polo Consello de Contas, o pasado 31 de xullo, sobre as obrigas de remisión de información e o funcionamento dos sistemas de control interno das entidades locais galegas. Un documento que, segundo destacou, “permite analizar con datos obxectivos e desde un órgano independente como funcionaba realmente o Concello de Lugo durante a nosa etapa de goberno”.

O informe, referido aos exercicios 2021, 2022 e 2023, sitúa ao Concello de Lugo no nivel ALTO de madurez do control interno, a máxima categoría establecida polo Consello de Contas, que o propio organismo define como a existencia dun “control real e efectivo”.

“Durante anos intentouse construír unha imaxe de descontrol e mala xestión que agora podemos contrastar cos feitos. E os feitos din que o máximo órgano de fiscalización externa de Galicia acredita que no Concello de Lugo existían mecanismos para controlar a xestión dos recursos públicos e que eses mecanismos funcionaban”, afirmou González Abelleira.

O Concello contaba durante o período analizado con Plan de Control Financeiro, mecanismos de fiscalización previa e realización de auditorías. Ademais, a clasificación obtida por Lugo non é xeneralizada: dos 259 concellos que remitiron a información necesaria para seren avaliados, só 26 alcanzaron o nivel ALTO.

“Non se trata de compararnos con ningún outro concello. O dato serve para entender que estamos ante unha avaliación esixente e que Lugo alcanza o máximo nivel establecido polo Consello de Contas”, explicou a portavoz socialista.

Transparencia, control e rendición de contas

O informe constata tamén que o Concello de Lugo cumpriu coas obrigas de remisión de información en materia de contratación, convenios e control interno, neste último caso ademais dentro do prazo establecido.

Para González Abelleira, estes datos “poñen negro sobre branco unha maneira de xestionar baseada na transparencia, na rendición de contas e na existencia de controis efectivos”.

“Transparencia non é dicir que es transparente. É render contas, entregar a documentación, permitir que os órganos independentes revisen a túa xestión e asumir as súas advertencias. Iso era o que se facía no Concello de Lugo”, sinalou.

Neste sentido, a portavoz socialista destacou unha das conclusións do informe sobre os reparos de Intervención. O Consello de Contas explica que a existencia de reparos non constitúe necesariamente un indicador negativo, xa que pode ser precisamente unha evidencia de que o órgano interventor está exercendo activamente a súa función.

O organismo aclara, de feito, que alcanzar o nivel ALTO non significa a ausencia de incidencias, senón que o sistema funciona e é capaz de detectalas.

“Unha administración responsable non é aquela na que aparentemente nunca pasa nada. É aquela na que existen profesionais independentes que revisan, fiscalizan, advirten e detectan os problemas cando aparecen. Durante anos quixeron utilizar cada reparo para falar de descontrol. Agora é o propio Consello de Contas quen explica que detectar esas incidencias é precisamente unha mostra de que o control funciona”, afirmou González Abelleira.

Unhas contas saneadas ao final da etapa de goberno

Os socialistas sinalan que a fotografía ofrecida polo Consello de Contas para o período 2021-2023 ten continuidade nos datos máis recentes da Intervención municipal sobre a liquidación do orzamento de 2025, último exercicio completo da anterior etapa de goberno.

A liquidación deixou un resultado orzamentario axustado positivo de 14,5 millóns de euros e un remanente de tesourería para gastos xerais superior aos 23,3 millóns. O Concello pechou ademais o exercicio con capacidade de financiamento positiva, cumprindo a regra de gasto e cunha débeda equivalente ao 17,98% dos ingresos correntes axustados, moi afastada dos límites legais.

“Se o Consello de Contas nos permite comprobar como funcionaban os mecanismos de control, a liquidación de 2025 permítenos comprobar como deixamos economicamente o Concello. E a resposta tamén está nos datos: unhas contas saneadas, recursos dispoñibles, cumprimento das regras fiscais e un endebedamento moi contido”, explicou González Abelleira.

Recursos e unha planificación preparada para seguir investindo

A portavoz socialista incidiu en que a situación económica coa que rematou a anterior etapa de goberno estaba acompañada dunha planificación concreta para continuar desenvolvendo investimentos na cidade.

O orzamento de 2026 elaborado polo anterior goberno contemplaba preto de 19,4 millóns de euros en investimentos e transferencias de capital, con actuacións en infraestruturas urbanas e rurais, abastecemento e saneamento, parques e espazos públicos, seguridade, servizos sociais, instalacións municipais ou polígonos industriais.

“Non deixamos unha caixa chea e un caixón baleiro. Deixamos recursos e deixamos proxectos. Deixamos unha administración saneada e unha planificación preparada para continuar transformando Lugo”, afirmou.

González Abelleira lembrou ademais que o PP votou en contra destes orzamentos e que, tras acceder ao Goberno, está executando actuacións que xa estaban contempladas e dotadas economicamente neles, como o novo aparcadoiro do Ceao ou os investimentos previstos na Protectora.

“Parécenos ben que os executen. Son proxectos pensados para Lugo e queremos que saian adiante. Pero un proxecto non nace o día no que o novo Goberno o anuncia. Antes hai que pensalo, planificalo, buscar os recursos e deixar unha partida para facelo posible. E ese traballo tamén forma parte da xestión”, subliñou.

“A moción construíuse sobre un relato que os datos non sosteñen”

González Abelleira considera que o conxunto destes datos permite tamén revisar con perspectiva os argumentos empregados por Elena Candia para xustificar a moción de censura.

O documento co que o PP presentou aquel cambio de goberno falaba de “parálise e bloqueo”, acusaba ao anterior executivo de “despilfarro”, aseguraba que non existía planificación das infraestruturas e presentaba a moción como un “necesario rescate a Lugo”.

“Agora podemos poñer aquel relato ao lado dos datos. Onde falaban de descontrol, o Consello de Contas di ‘control real e efectivo’. Onde falaban de despilfarro, a liquidación deixa 14,5 millóns de resultado axustado positivo, máis de 23 millóns de remanente e unha débeda do 17,98%. E onde falaban de falta de planificación, atopamos case 19,4 millóns de euros para investimentos e proxectos que eles mesmos están executando agora”, afirmou.

Para a portavoz socialista, “cada vez resulta máis evidente que a moción de censura se fundamentou nunha sucesión de afirmacións que os datos obxectivos están desmontando”.

“Non é a nosa palabra contra a de Candia. Dun lado está o relato co que se intentou xustificar a moción; do outro, un informe independente do Consello de Contas, os datos técnicos da Intervención e uns orzamentos que eles mesmos están executando”, engadiu.

Os reparos: do argumento político á responsabilidade de gobernar

González Abelleira referiuse tamén á utilización política que o PP fixo durante anos dos reparos de Intervención, unha cuestión sobre a que, segundo destacou, o propio informe do Consello de Contas resulta especialmente clarificador.

“O Consello explica que un reparo non é necesariamente un síntoma de descontrol. Pode ser precisamente a demostración de que o control funciona. E o actual Goberno comprobouno en canto tivo que asumir a responsabilidade de xestionar”, afirmou.

Así ocorreu coas facturas do Arde Lucus, cando Elena Candia resolveu mediante decreto a discrepancia formulada por Intervención, levantou os reparos e permitiu continuar coa tramitación dos pagamentos.

“Coa súa propia sinatura demostrou que existen mecanismos legais para resolver unha discrepancia e levantar un reparo. Gobernar consiste precisamente niso: asumir a responsabilidade e resolver os expedientes conforme aos procedementos establecidos”, sinalou.

A portavoz socialista contrapuxo esta actuación coa situación das 542 facturas por máis de 2,7 millóns de euros que continúan pendentes de pagamento. O Goberno levou inicialmente ao Pleno unha iniciativa política que non resolvía as discrepancias nin permitía pagar as facturas, e agora os pagamentos deberán regresar á sesión plenaria a través dun recoñecemento extraxudicial de crédito que, segundo os socialistas, podería terse tramitado xa no Pleno anterior.

“Primeiro utilizaron politicamente os reparos durante anos. Despois chegaron ao Goberno e demostraron que podían levantalos. E, aínda así, decidiron non levar ao Pleno a solución que permitiría avanzar no pagamento deses 2,7 millóns. O resultado é que os provedores seguen esperando por puro capricho político”, denunciou.

“Os feitos quedan”

González Abelleira concluíu incidindo en que os socialistas non pretenden presentar o informe do Consello de Contas como unha avaliación global de toda a súa acción de goberno, senón reivindicar “con rigor aquilo que os documentos si acreditan”.

“Non necesitamos que ninguén crea na nosa palabra. Están os informes, están as contas e están os proxectos. Deixamos un Concello cun control real e efectivo, economicamente saneado, cunha débeda moi contida e cunha planificación preparada para seguir avanzando”, afirmou.

“Poden intentar reescribir o que recibiron, poden poñerlle un nome novo aos proxectos ou atribuírse o que agora executan. Pero os documentos teñen unha vantaxe sobre os relatos: os feitos quedan”, concluíu.

Comparte este artigo